O Museo Provincial de Lugo acolleu na tarde de onte a inauguración da mostra “Rafael Úbeda. Cromatismo expresivo”, que trae á cidade amurallada a obra do artista pontevedrés.
Neste acto inaugural, no que participou a vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, o propio autor presentou a selección de obras expostas, definindo a mostra como unha “explosión de cor e movemento”, característica das súas últimas etapas creativas.
O pintor, gravador e muralista, recoñecido internacionalmente dende os anos sesenta tras ser galardoado co Gran Premio de Roma de Paisaxe e sendo elixido para pintar o Gran Mural da Basílica da Anunciación de Nazaret, estivo acompañado polo polifacético artista Siro López.
A inauguración culminou coa actuación musical dos violinistas Hugo Rodríguez e Tania Capón, unha chiscadela á traxectoria do pintor, que estudou este instrumento e participou en conxuntos de cámara como violín segundo.
A mostra permanecerá exposta ata o 8 de decembro. Parte das obras poderán verse tamén no Museo do Mar de San Cibrao, no Museo Fortaleza de San Paio de Narla e no Museo Pazo de Tor.