O xulgado do social Nº 3 de Lugo ven de decretar a fixeza de dous operarios do grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) da Pontenova. Segundo determina o xulgado a fraudulenta contratación destes traballadores polo concello, renovando contratos o ano a ano desde o 2013, a realización de funcións estruturais e o cumprimento dos principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade no acceso á súa praza, tras superar un proceso público de selección para a súa contratación, convirte aos mesmos en Persoal Laboral fixo do Concello da Pontenova.
Estas dúas sentenzas veñen a manifestar, segundo advirte a CIG, a “situación fraudulenta” que os Concellos fan do persoal destes grupos de Emerxencias.
“Esta situación fraudulenta da contratación do persoal destes grupos de emerxencias, que se dá de forma practicamente xeral en todos os concellos que dispoñen deste servizo, deriva dunha concepción irresponsable por parte das administracións implicadas, tanto Xunta, como deputacións provinciais, Fegamp e Concellos, posto que dunha banda o obxectivo da Xunta é dar unha suposta cobertura de servizos de emerxencias a zonas nas que non chegan os parques de Bombeiros, e por outra banda os concellos, co visto e prace de Deputacións e Fegamp, acollen estes grupos co obxectivo de posuír peóns baratos para a realización de todo tipo de labores”, describen dende a CIG que denuncian que para as administración “é o de menos” que se trate de servizos eficientes e equipados.
Dende o sindicato fan un chamamento ao persoal dos distintos GES da provincia para que soliciten a súa condición de persoal laboral fixo; asemade a CIG ofrécese a atender as consultas que todo este persoal realice sobre a súa situación e as posibilidades de obter unha praza fixa.