A Policía Local fai balance da primeira fin de semana do San Froilán

A Policía Local vén de desenvolver durante a pasada fin de semana numerosos dispositivos para garantir a tranquilidade da cidadanía na celebración do patrón. Así, como medidas de seguridade fixas se estableceron postos de bloqueo e regulación do tráfico na Porta de Santiago e na Avenida de Ramón Ferreiro, conforme ao Nivel 4 de alerta antiterrorista.

En canto á seguridade viaria, nas noites e madrugadas desta fin de semana, a Policía Local realizou diversos controis de alcol e drogas, resultando con 6 condutores con taxas de alcol superiores ás permitidas, dous deles, con altas cantidades de alcol en sangue polo que son investigados por un delito contra a seguridade viaria. Aos restantes, abríronlles expediente sancionador, e interpuxéronlles multas de entre 500 e 1000 euros e retiráronlles de 4 a 6 puntos do permiso de conducir, en función das cantidades de alcol detectadas no organismo.

Asemade, nun destes controis, os axentes detectaron unha persoa co permiso de conducir caducado e que presentaba síntomas compatibles coa presenza de drogas, polo que lle realizaron as probas regulamentarias arroxando un resultado positivo en cocaína.

Pola súa banda, a Unidade de Atestados interveu en 14 accidentes de circulación no casco urbano con resultado de danos materiais. Por distintas infraccións á Lei de Seguridade Vial, o Servizo de Guindastre retirou ao depósito municipal un total de 17 vehículos.

Os efectivos da Unidade Territorial da Policía de Barrio da Policía Local de Lugo, destinados no recinto feiral, realizaron, á súa vez, 48 medicións con sonómetro para que o volume das atraccións que dispoñen de megafonía se axustara aos niveis de decibelios legais.

E, de igual forma, levantáronse actas de infracción á Lei de Protección de Seguridade Cidadá, por ocupacións de vía pública coa venda ambulante sen autorización, tres delas por comercializar alimentos, o que conleva aparellada unha sanción de 600 euros. Tamén foron denunciadas varias persoas por orinar na vía pública.

Os axentes levantaron seis actas por infracción á Lei de Medidas Sanitarias Fronte ao Tabaquismo, tanto a clientes que se atopaban no interior de establecementos públicos como aos seus titulares por permitir que estiveran fumando.

En canto ao control do cumprimento da normativa de espectáculos públicos e actividades recreativas, levantáronse actas de infracción a dez locais por quebrantamento do horario de peche e ter música sen autorización.

Asemade, foi precintado un vehículo sobre o que pesaba un mandamento de búsqueda, captura, depósito e precinto por embargo da Administración Pública.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com