A Fiscalía non ve maltrato animal nun caso con 164 denuncias

A asociación animalista Libera carga hoxe contra a “falta de interese” dunha parte importante do Poder Xudicial por resolver situacións de crueldade contra os animais. Así, respondía o colectivo á proposta de sobresemento dun caso continuado de maltrato animal dado en Serés (Castroverde) a pesar de existir ata 164 denuncias. Esta proposta da fiscalía deuse o 31 de Xullo, aínda que chegou ao colectivo estes días.

A actuación do Ministerio Fiscal evidencia, segundo critican os animalistas, “o escaso interese pola protección activa dos animais nun contexto de terrible sufrimento”, no que un dos animais falecidos chegou a “agonizar” durante días e morreu diante das voluntarias da Protectora de Lugo. “Un contexto que puido terse evitado cunha resposta xudicial máis áxil.

Con esta situación por diante, a asociación carga tamén contra as administración que posúen competencias para garantir o benestar animal e que, “como noutras situacións ocorridas no municipio nos últimos meses, miraron para outro lado”.

A Fiscal xustificaba a falta de actuación empregando o presunto mal estado da vivenda do acusado como “excusa” xa que, no escrito de fiscalía sinalan que “non poden esixir maior dilixencia do propietario no coidado dos animais da que ten no seu propio”.

“Este párrafo, xunto con outras excusas, como a idade do individuo, amosan que a aplicación do Código Penal é tremendamente subxectiva e que, a pesar de existir recursos, tanto no ámbito social como no da protección animal e que poden ser solicitados ou reclamados por calquer cidadán, se non se fai ou se afirma descoñecer os mesmos non recibe reproche algún”, critica Libera!.

Dende o colectivo lembran que convivir cun animal non é unha obriga, polo que pide ás familias que consideren seriamente esta posibilidade, coas obrigas que conleva a súa convivencia tanto a nivel persoal, social como económico, evitando contextos de abandono ou maltrato.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com