O edil de Urbanismo Sostible do Concello de Lugo, Miguel Couto, acudía esta mañá xunto a unha delegación de técnicos municipais, e acompañados por axentes da Policía Local, ao edificio número 48 da Ronda da Muralla onde estaba previsto realizar unha inspección do inmoble para tomar as medicións que permitirían acometer a rehabilitación subsidiaria do mesmo. Unha comprobación que, finalmente, non se puido levar a cabo ao non contar coa autorización dos propietarios, debidamente notificados en tempo e forma.
“Lamentablemente, nunha nova ocasión, atopámonos nesta tesitura de non poder avanzar na tramitación administrativa deste expediente e de non poder intervir sobre a construción debido á falta de colaboración dos seus titulares que, dende hai 15 anos se negan, de forma persistente, a atender os requirimentos do Concello”, destacou o concelleiro.
Miguel Couto sinalou que o Servizo de Urbanismo leva emitidos dende 2001, ano no que se advirte por primeira vez da necesidade de actuar sobre a edificación, máis dunha trintena de resolucións, instando aos seus donos a corrixir as deficiencias que presenta e que comprometen a seguridade cidadá.
“De feito, até o momento, a administración local impuxo un total de oito multas coercitivas ao respecto por importe de 43.000€ sen que causaran efecto algún, polo que, chegados a este punto, o que temos que anunciar é que o Concello procederá a solicitar a oportuna autorización xudicial para continuar co procedemento de forma subsidiaria. A nosa máxima preocupación é a de garantir a protección dos viandantes e, precisamente por iso, evitaremos que se siga adiando a súa reforma de maneria inxustificada“, subliñou o responsable de Urbanismo Sostible.
Miguel Couto referiu tamén que a obra que se iniciará de forma inminente no soar colindante a este, na esquina con Nicomedes Pastor Díaz, podería provocar vibracións no terreo e nos muros contiguos á vivienda, “o que pode derivar no seu derrubamento parcial ou total ante a falta de estabilidade estrutural e mesmo pode propiciar a caída de elementos construtivos na beirarrúa e na calzada, de aí que a intervención no nº48 sexa urxente e inaprazable”, advirte o edil.
Os traballos que, de forma subsidiaria, asumirá o Concello teñen un custo estimado de 87.434’50 euros, tal e como recolle a Memoria Valorada que Evislusa elaborou en 2017, mediante encomenda de xestión, e consistirán en asegurar o inmoble e impedir que novas filtracións de auga incrementen o seu deterioro, co obxecto de recuperar o tránsito peonil ao seu carón. Para levalos a cabo será preciso modificar os límites espaciais da vía, asi como das prazas de estacionamento próximas.