Galicia poderá optar a fondos europeos para unha transición enerxética xusta

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, sinalou hoxe que a Comisión Europea ten trasladado á Xunta que Galicia poderá optar aos fondos de transición xusta que se establecerán por parte da Comisión a partir do ano 2021. Conde, que se reuniu, entre outros, coa directora de Mercados Europeos e Internacionais do Carbono, que forma parte da Dirección xeral de Acción polo Clima, Beatriz Yordi, e con Carlos Esteva Mosso, director xeral adxunto de Axudas de Estado da Dirección xeral da Competencia, apuntou que a Comisión Europea comparte a visión da Xunta dunha transición enerxética xusta e que quedou constatado que Galicia vai na boa dirección.

O conselleiro demandou tempo para buscar alternativas, reclamándolle tanto ao Ministerio para a Transición Ecolóxica como a Endesa que establezan as medidas para a reactivación inmediata da planta. O conselleiro avogou por impulsar un traballo colectivo e un esforzo conxunto para lograr esa transición xusta desde o punto de vista social, de sustentabilidade e de inclusión. En definitiva, reclamou “que non haxa un peche abrupto das centrais e que haxa un traballo compartido por todos os axentes”, entre os que citou a Administración, as empresas, os actores sociais, as universidades e os centros tecnolóxicos.

Conde instou a que a mesa técnica sobre a central das Pontes proposta pola Xunta e o Concello pontés se constitúa canto antes e que desde o primeiro momento traballe non só na reactivación da planta, senón tamén na identificación de alternativas e proxectos para cumprir “cun mandato claro da Comisión Europea, que a transición xusta ten que ser unha oportunidade para xerar novos proxectos, emprego e unha oportunidade para as comarcas que están vinculadas a este tipo de centrais”.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria pediu ao Goberno central que reaccione e que abandone a “política enerxética errática” que, segundo sinalou, non só está afectando a Meirama e a As Pontes, senón tamén ás empresas electrointensivas, como Alcoa. Lembrou así mesmo que Galicia conta cunha planificación industrial orientada á nova economía e vinculada á Industria 4.0, a dixitalización, a innovación, e o desenvolvemento de novos proxectos.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com