A concelleira de Gobernanza, Paula Alvarellos, vén de adoptar importantes medidas para resolver algunhas das necesidades máis destacadas da administración local, en materia de Recursos Humanos.
Por unha banda, hoxe a Xunta de Goberno nomeaba como funcionarios de carreira aos doce aspirantes que superaron o proceso selectivo para as prazas de bombeiro condutor, procedentes das Ofertas de Emprego Público de 2015 (6 prazas) e 2016 (6 prazas).
“A nosa intención – explicou Paula Alvarellos – é que estes efectivos se incorporen aos seus postos de traballo o máis axiña posible, aínda que os novos axentes de extinción de incendios deberán pasar antes por un proceso de formación específica. O obxectivo é fornecer, de forma inmediata, o cadro de persoal deste corpo”.
Tamén esta semana o Boletín Oficial do Estado publicaba a convocatoria de 7 prazas de inspector da Policía Local, 4 delas en quenda de promoción interna (3 correspondentes coa OPE de 2016 e 1 coa OPE de 2017) e outras 3 que se realizaron por concurso no turno de mobilidade interadministrativa.
Precisamente, e debido á elevada cantidade de procesos de selección de persoal que están en execución e que quedan por realizar, con cargo ás OPEs dos últimos catro anos (2015 – 2018), o executivo lucense acordaba consensuar esta mañá as instrucións para o funcionamento e actuación dos Órganos de Selección do Concello co fin de establecer unhas pautas, uniformes e homoxéneas, en beneficio dunha maior seguridade xurídica dos aspirantes que concorren ás probas selectivas así como para fornecer as garantías de obxectividade, independencia e imparcialidade que deben presidir as actuación dos Tribunais.
Así, entre algúns dos espectos máis sinalados que recolle esta regulamentación figura a esixencia de que os integrantes dos Órganos de Selección quedarán desvinculados da estructura xerárquica da Administración Pública cando actúen na súa condición de membros do Tribunal. Pasarán a ser nomeados por acordo da Xunta de Goberno e a súa composición rexerase polas bases xerais para o acceso en propiedade a prazas de funcionarios e persoal laboral, velando en todo caso polo cumprimento do principio de especialidade.
Impóñense, ademais, unha serie de restricións. Non poderán formar parte destes Órganos o persoal de elección ou de designación política, os funcionarios interinos nin o persoal eventual, tampouco os representantes sindicais, órganos unitarios ou asociacións que exerzan funcións representativas dos empregados públicos.
“Do mesmo xeito, conformarase unha bolsa rotatoria integrada polos funcionarios e laborais fixos interesados en formar parte dos Tribunais e todos os membros deberán posuír unha titulación académica de igual ou superior nivel á esixida para o acceso ás prazas convocadas. Tenderase, na súa composición, á paridade entre homes e mulleres e as sesións terán lugar, salvo en ocasións excepcionais e xustificadas, en horario de tarde, fóra da xornada ordinaria de traballo, para non perturbar o normal funcionamento do Concello”, indicou a edil de Gobernanza.
Paula Alvarellos sinalou igualmente outros aspectos destas instrucións como son que os acordos se adoptarán por maioría de votos dos membros presentes e que haberá un número máximo de sesións por Tribunal e Proceso Selectivo e ademais recolle unha serie de pautas para a elaboración dos exercicios ou outras medidas adicionais que potencian a obxectividade do procedemento, como o anonimato dos aspirantes na corrección dos exames ou a posibilidade de asistencia ás reunións dun observador, que, sen ter nin voz nin voto, poderá presenciar o desenvolvemento do proceso, previa solicitude e actuando a título individual, sempre e cando se axuste aos mesmos requisitos que os membros do Órgano Selectivo e respecte o deber de sixilo profesional esixido.
Tamén a Xunta de Goberno desta semana acordaba modificar o regulamento do Tribunal Económico e Administrativo que levaba máis dunha década sen renovarse. De forma que os cambios introducidos suporán o cese dos membros actuais do TEA. Os novos integrantes pasarán a permanecer no cargo polo transcurso de 4 anos dende o seu nomeamento, sen prexuízo de que se acorde unha prórroga por unha soa vez e por acordo do Pleno por maioría absoluta.