O Sindicato Labrego Galego (SLG) rexistrou onte, 9 de outubro, un escrito no que solicita unha xuntanza con responsables da Consellaría de Medio Ambiente para falar da declaración de emerxencia cinexética e a apertura permanente da veda de caza ao xabaril nas comarcas de Viana, Deza, Betanzos, Eume e Terra Chá, confirmada esta semana pola súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Esta medida, xa anunciada por Medio Ambiente en días pasados, provocou o rexeitamento tanto de colectivos de cazadores, como de ecoloxistas e das propias organizacións agrarias. O obxectivo da xuntanza solicitada sería o de buscar unha solución realista a un “gravísimo problema” que ameaza as actividades agrogandeiras e o equilibrio ecolóxico da fauna salvaxe.
O documento foi presentado no Rexistro Xeral da Xunta, en Compostela, polo vicerresponsable de Horta do SLG, Henrique Outes, por ser este, xunto co de vacún, un dos sectores agrogandeiros máis castigados polos ataques dos xabarís.
Para o Sindicato Labrego Galego, calquera decisión que se tome nesta polémica cuestión debe partir do consenso dos diversos axentes implicados e basearse en estudos científicos que avalen a estratexia a desenvolver. Pola contra, deixar toda a responsabilidade do control poboacional do xabaril á libre vontade dos tecores (territorios cinexeticamente ordenados), sen ter coñecemento de ningún informe solvente que avale tal decisión, “parécenos pura improvisación e unha clara evasión de responsabilidades posiblemente forzadas pola inminencia dunha nova cita electoral”.
“Na xuntanza solicitada, dende o SLG agardamos que a Consellaría de Medio Ambiente nos dea a coñecer, se os houbese, os estudos e informes nos que baseou a súa decisión; que lles forzou a tomar esta maneira de solucionar o problema, precisamente, e non outro; e, en caso de haber outras vías de control menos polémicas e posiblemente, máis efectivas, dialogar e tentar acadar consensos” sobre as medidas a tomar para facer un control efectivo da fauna salvaxe en Galicia para garantir, cando menos, a convivencia entre as actividades agrogandeiras e a biodiversidade.