Llum A. González e Sonia Marpez inauguran ‘Gaia’ en Caldiae Factoría Cultural

Gaia é o título da exposición de fotografía poética de Llum A. González & Sonia Marpez, que se inaugurará o vindeiro martes, 15 de outubro, en Caldiae Factoría Cultural ás 20:30 horas (Praza Viana do Castelo, 3; no hall dos Codex Cinema). A exposición forma parte da Programación Cultural Anual adicada a mulleres artistas impulsada pola plataforma cidadá Lugonovo, en colaboración con Caldiae Factoría Cultural.

Sonia Marpez naceu en Sarria (Lugo), en 1987. Diplomada en Maxisterio en Educación Primaria pola Universidade de Santiago de Compostela, actualmente reside en Málaga, onde cursa estudos de Historia da Arte e traballa como fotógrafa, poeta e comisaria en diferentes proxectos expositivos e editoriais. Coordinou xunto ó autor Gabriel Noguera o libro monográfico sobre a morte Obituario (Fundación Málaga, 2015) e a revista homónima durante catro anos. No ámbito poético foi galardoada en 2015 co primeiro premio de MálagaCrea e o segundo do certame Xuventude Crea. En 2017 obtivo un accésit no Premio de Poesía Impresor Andrade Martín, do Ateneo e a Universidade de Málaga; tamén gañou o primeiro premio do Xuventude Crea e o primeiro premio do Jóvenes Creadores do Concello de Salamanca. En 2018 publicou o seu primeiro libro de poesía, Demolición, na colección Monosabio do Concello de Málaga, e proximamente verá a luz o seu segundo libro.

Llum A. González naceu en Sarria (Lugo) o 13 de decembro de 1986 e actualmente reside en Vigo. Estudou Deseño Gráfico na Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón, complementando a súa formación con diversos cursos de fotografía. Vinculada dende sempre á expresión creativa a través de diferentes manifestacións artísticas coma o debuxo, a pintura, a música ou a fotografía, o seu interese por esta última medrou en grande medida dende que comezou a experimentar a sensación de transmitir emocións a través da cámara, buscando captar a esencia do momento. Traballa como deseñadora gráfica e fotógrafa por conta propia e tamén colabora como redactora de revistas culturais musicais, en continua exploración de novas posibilidades na procura da súa evolución persoal e profesional.

Gaia, a mostra que presentarán ó público lucense en Caldiae Factoría Cultural, nace da unión da obra das dúas artistas lucenses, que fusionando fotografía e poesía enxalza la figura da muller e a natureza entrelazadas. A Programación Cultural Anual impulsada por Lugonovo e Caldiae ten como obxectivo loitar contra a discriminación sistemática das mulleres na cultura, un problema que afecta especialmente ás artistas galegas. Consiste en proporcionarlles unha abundancia de oportunidades, apoio e visibilidade, algo vital para a súa carreira, especialmente nun contexto de crise prolongada no ámbito galego da arte.

En palabras de Camino Casabella, coordinadora de cultura de Lugonovo, “Estamos decididos a darlles a tódalas artistas a visibilidade que precisan para avanzar no ámbito profesional da arte. A desigualdade pon en perigo o futuro da nosa cultura, e a única forma de combatela é organizando iniciativas para difundir a obra da seguinte xeración de artistas. Todo o mundo se beneficia dun eido cultural onde existe igualdade. É hora de que as institucións fagan o mesmo ca nós.”

A inauguración da exposición, o 15 de Outubro, terá lugar ademáis nunha semana para celebrar o cinema e a cultura lucense e galega en Caldiae Factoría Cultural, pois coincidirá coa proxección nos seus cines, Codex Cinema, do filme O Que Arde de Oliver Laxe, trala súa estrea histórica en Lugo. O día seguinte á inauguración, o cineasta visitará os cines para presentar el mesmo o filme a tódolos veciños e cinéfilos de Lugo. A exposición poderase visitar ata o venres 8 de novembro, de xoves a domingo, entre as 18:00 e as 22:00 horas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com