José López Orozco, cabeza de lista da candidatura socialista á Alcaldía de Lugo, acompañado doutros integrantes da mesma como Lara Méndez, Carmen Basadre, Daniel Piñeiro e Adrián Vázquez mantiveron onte un encontro co Vicerreitor da Universidade de Santiago de Compostela no campus de Lugo, Javier Bueno Lema e cos vicerreitores adxuntos Carme Silva e Andrés Barreiro.
Na xuntanza, López Orozco amosou ao Vicerreitorado a súa intención de reforzar a colaboración entre as dúas entidades, no caso de ser elixido novamente Alcalde de Lugo, por ser a Universidade fundamental na vida do concello e no seu cambio intelectual e social, nunha aposta clara polo entendemento mutuo, que veu marcando as relacións institucionais ao longo dos gobernos socialistas.
Pola súa parte, Javier Bueno Lema, Carme Silva e Andrés Barreiro transmitíronlle á candidatura algunhas consideracións para mellorar esta cooperación, que serán incorporadas ao programa electoral socialista para os próximos comicios municipais.
A candidatura do PSdeG-PSOE de Lugo tamén recolleu propostas para o seu programa nun encontro celebrado onte con representantes da ONCE en Lugo, entre eles, o seu Delegado, Roberto Doval e a Conselleira Territorial, Pilar Yáñez, quen achegaron aos socialistas algunhas ideas do colectivo de persoas con discapacidade visual para mellorar a súa inclusión social e laboral e para continuar o labor de accesibilidade no Concello.
José López Orozco, candidato socialista á Alcaldía de Lugo, referiuse ao obxectivo co que se presentan aos comicios municipais “a nosa aspiración é ter unha maioría suficiente que nos permita seguir liderando a cidade, nun momento complicado para o Concello e para a provincia”. Rexeitou falar de posibles pactos ata coñecer a decisión que tomen os lucenses o día 24 de maio.