O PP insta ao goberno a poñer os terreos necesarios para iniciar a rotonda de Alfonso X

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Ramón Carballo, acompañado polos candidatos populares ao Congreso e ao Senado, Joaquín García Díez e José Manuel Barreiro, denuncia as “constantes trabas” que o goberno local do Concello de Lugo está a poñer para que se constrúa a rotonda de Alfonso X coa N-VI, xa que case tres anos despois de que o Ministerio de Fomento solicitase a cesión dos terreos, o Concello de Lugo aínda “non cumpriu coas súas obrigas” o que demostra “a nula intención” deste goberno local por dar unha solución a un dos puntos negros para a circulación en Lugo.

Ramón Carballo recorda que o 3 de novembro de 2016 o Ministerio de Fomento, cun ministro do Partido Popular, solicitou a cesión de terreos para a execución deste proxecto. “A solicitude cursouse tanto ao Concello de Lugo como a Deputación, pero dende que se realizou esa petición, as únicas administración que tiveron vontade por poñer fin ao punto negro que é para a circulación en Lugo o cruce de Alfonso X coa N-VI foron o Ministerio de Fomento e a Deputación de Lugo”, explicou.

Por iso, Ramón Carballo amósase contundente: “en 15 días cumpriranse tres anos dende que Fomento pedira a cesión dos terreos. A Deputación xa puxo a disposición de Fomento os terreos necesarios para realizar os traballos, mentres que Lara Méndez segue a demorar, sen xustificación algunha a cesión dos terreos necesarios”.

O Ministerio de Fomento, xa dende a etapa do Partido Popular, leva anos traballando neste proxecto “xa que se trata dunha dotación moi necesaria para Lugo”, a pesar do “boicot e o freo” que Lara Méndez lle intentou poñer nestes anos.

Por iso, o voceiro municipal popular explicou que “valoraremos” as diferentes posibilidades que temos sobre a mesa para coñecer os motivos do goberno local para non realizar a cesión dos terreos, xa que “os lucenses merecen saber os motivos dos constantes atrancos que pon o Concello de Lugo. “Cando se realizou a petición de cesión entendiamos que se puxeran trabas a esta rotonda porque se trataba de facilitar as cousas a un goberno do Partido Popular, pero agora, cun goberno socialista en Madrid dende hai máis dun ano non sabemos que motivos ten Lara Méndez para torpedear o proxecto”, afirmou.

Neste senso, Carballo sinala que en xaneiro de 2018 o servizo municipal de Enxeñería elaborou e presentou un informe no que ratificaban que “é posible a autorización por parte do concello das obras a executar previstas por non contravir o disposto no vixente PXOM”. Ademais deste informe, hai outros dous informes previos favorables á cesión dos terreos, un do servizo de Arquitectura, con data do 15 de decembro de 2017, e outro do servizo de Medio Ambiente, con data de 2 de xaneiro de 2018.

Os candidatos do Partido Popular ao Congreso e ao Senado nas vindeiras eleccións, Joaquín García Díez e José Manuel Barreiro, recordaron que hai meses que se presentaron varias preguntas por escrito no Congreso dos Deputados para coñecer a situación deste proxecto e obtiveron como única resposta que o Concello de Lugo aínda non cedeu os terreos polo que Fomento segue a instar a Lara Méndez a que poña os terreos a disposición.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com