Arranca a construción da senda peonil e ciclista entre a estrada de Portomarín e Toiriz

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade iniciou os traballos para construír unha senda peonil e ciclista na marxe dereita da estrada autonómica LU-612 no municipio de Lugo, entre o inicio da estrada de Portomarín e a localidade de Toiriz, no acceso á igrexa de Piugos (puntos quilométricos 0,000 ao 1,940).

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que neste momento estanse a levar a cabo actuacións previas de topografía e replanteo co obxecto de comezar as obras nos vindeiros días.

Balseiro apuntou que a actuación ten un prazo de execución dun ano, aínda que se prevé poder rematala para o próximo verán. Esta obra está incluída no plan de sendas da Comarca de Lugo e será cofinanciada con Fondos FEDER nun 80%. O orzamento é de 522.764 euros.

O proxecto define a execución dunha senda de 1.870 metros de lonxitude á saída de Lugo cara a Portomarín, pola marxe dereita da estrada LU-612, entre o empalme de Portomarín (pq 0) da antiga estrada a Santiago e Toiriz (pq 1+940, no acceso á igrexa de Piugos). Executarase en formigón coloreado e non requirirá de expropiacións.

Neste treito existen dúas paradas de autobús que non contan con marquesiña, polo que colocarán dúas nestes puntos -ao inicio do percorrido e xunto á fonte de Toiriz, respectivamente- co novo deseño previsto pola Xunta para os contornos urbanos.

A nova senda está especialmente deseñada para garantir a seguridade de peóns e ciclistas e incorpora distintos elementos de seguridade e outras medidas complementarias (proteccións peonís, separación da circulación de vehículos…). Escolleuse a marxe dereita para garantir un percorrido continuo, incluído o paso pola glorieta presente neste treito, sen ter que realizar ningún cruce coa calzada.

No tramo colocarase unha canalización para recollida das augas de drenaxe. O proxecto inclúe tamén a execución doutras medidas complementarias como novas arquetas, accesos seguros ás vivendas (vados), e a mellora e reforzo da sinalización horizontal e vertical e doutros elementos de balizamento.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com