A agrupación local de Esquerda Unida quere manifestar o seu apoio á familia de Ana Gómez Nieto, vítima mortal de violencia machista que foi asasinada polo seu marido en 2016; ante a celebración do xuízo por este delito, que da comezo hoxe.
Esquerda Unida Lugo considera a futura sentenza deste caso un asunto político de primeira orde no municipio, xa que a Casa da Muller do Concello de Lugo era coñecedora do maltrato e ameazas que sufría a vítima antes de ser asasinada. “Non podemos mirar cara outro lado, a obriga da administración municipal é prestar toda a axuda posible ás mulleres maltratadas para protexelas e previr que a súa situación remate en feminicidio. Neste caso a Casa da Muller non foi quen de facelo e é obriga do goberno local analizar por qué non se activou ou non funcionou o protocolo preciso, para evitar que volva repetirse unha traxedia coma esta”, sinalou Chus Rodríguez, representante do Consello Local de EU Lugo.
Esquerda Unida tamén quere facer un chamamento para que a familia de Ana Gómez Nieto obteña xustiza tras toda a dor que tiveron que sufrir, especialmente os seus dous fillos, menores no momento do asasinato da súa nai, que para maior gravidade tiveron que presenciar os feitos. “É preciso que todo asasino machista reciba condena acorde aos seus abonimables actos, pois a impunidade ou as condenas menores funcionan como alentadoras das agresións machistas e, o que é aínda peor, disuaden ás vítimas de maltrato de denunciar por considerar que non serve de nada facelo. Non se trata só de apartar a un asasino e maltratador perigoso da sociedade, tamén de reparar os danos morais causados aos familiares da vítima”, fixo fincapé Chus Rodríguez.