“O PP foi o que non activou o Pacto de Estado contra a violencia de xénero, o que deixou de invertir na Lei de Dependencia; dedícase a saír na foto e facer crítica fácil”. Así respondía a titular da área de Cohesión Social do Concello de Lugo, Ana González Abelleira, ás críticas arroxadas polo PP esta mañá nas que retaba ao Partido Socialista a retirar o seu apoio a Lara Méndez por non unirse ao programa estatal VioGén de prevención e loita contra a violencia de xénero.
Segundo asegurou Abelleira, ex edil de Benestar Social, o goberno valorou no seu momento a subscrición a este programa pero non podía cumprir coas condicións esixidas: “valoramos as condicións que tiñamos no Concello de Lugo e vimos que cos axentes da Policía Local que había, non podiamos crear un dispositivo o suficientemente efectivo para garantir a seguridade que propón este proxecto”.
Dende o equipo de goberno aclaran que continúan a estudar esta posibilidade e “no momento en que poidamos contar con este dispositivo, ademáis da colaboración diaria e continua que fai a Policía Local cos corpos de seguridade do Estado, valoraremos entrar e participar para incrementar a seguridade destas mulleres”, explica Ana González.
“Mostra de que o Concello traballa pola protección de mulleres e fillos de mulleres vítimas de violencia de xénero, invirte ao redor de 800.000 euros neste eido, cando a Xunta na provincia invirte bastante menos”, conclúe a edil.