Considérase un ser político pero é que para ela, “non se pode vivir á marxe” da realidade social e política do Estado. Zahara estará na sala Tebras, en Lugo, o vindeiro 9 de novembro, e quixo adicarlle a Xornal de Lugo, un pouco do seu tempo para darse a coñecer, máis se cabe, ao público lucense.
La fabulosa historia de… presentábanos, hai 10 anos, a unha rapaza sentimental que se espía por dentro diante do público; unha cantante que contaba unha realidade crúa e que chegaba a chorar nos escenarios con temas como Con las ganas. Zahara percorreu xunto á súa guitarra a xeografía española e, agora, con Astronauta, o seu novo traballo, chega aos escenarios cunha banda coa que acompañar as letras máis sociais da artista. O leitmotiv da súa vida: a música; o do seu último traballo: unha viaxe espacial á que non dubida invitar a todos os seus seguidores.
Xornal de Lugo: Se hai algo que caracteriza a súa música pode ser a parte máis sentimental. Parece como se rebuscara no máis profundo para amosar o máis íntimo.
Zahara: [Risas] Sí, a verdade é que sí. É unha das cousas nas que creo que se basa a música: afondar, buscar… Porque se non, ao final, ou todo o quedas para ti, ou tes que contalo como sabes.
XdL: Sen embargo, neste último traballo, hai outras temáticas…
Zahara: Si. Hai que escribir sobre o que te afecta e non é todo emocional. Eu canto o que vivo e a realidade é esta. Hai temas como El Astronauta ou Hoy la bestia cena en casa que contan outras realidades da miña vida.
XdL: Hai quen di que para facer boa música hai que estar triste, pero no teu traballo amosas que eso non é verdade xa non se ve a melancolía que tiña Zahara nos seus primeiros temas…
Zahara: [Risas] A tristura lévate á reflexión. Pero tamén hai outras cousas coas que inspirarse… O pasado, por exemplo, tamén me fai escribir. As cousas boas, do día a día… Todo é inspirador.
XdL: Ademáis de cantar, tamén escribe, presenta programas, actúa, é nai… Cal é o segredo para ser esa ‘supermuller’?
Zahara: Bueno, é que logo hai unha vida social que practicamente non existe. Tes que sacrificar moitas cousas, e para criar a un fillo tes que ter axuda, e aquí, a vida social é un todo. Cando naceu o meu fillo eu quixen ser unha nai que chegara a todo e que puidera facer o que lle gusta, tiña claro que tería que renunciar a cousas. E logo, sempre que fixen algo para a televisión, busquei que tivera relación co que a min me gusta: facer versións, facer música… Ese sempre foi o meu soño.
XdL: Nalgunhas entrevistas descríbese como un ser político e é algo que, como xa falamos, pódese ver no seu último disco. Cre que a situación política que vive agora España podería reflexarse nalgún próximo tema?
Zahara: Pois si, seguramente. É que non se pode vivir á marxe. Quen o fai é porque está cego ou, de verdade, vive á marxe, na montaña alonxado de todo, nunha casiña. Se coñeces a alguén que vive en Cataluña, se eres muller, se tes un amigo homosexual…, loxicamente non lle podes dar ás costas. As cousas funcionan agora dunha maneira e non podes ignoralo. Eu creo que son temas dos que máis falo últimamente e de seguro que estarán en vindeiros traballos. Non podo dicir exactamente como, porque aínda non os escribín, pero estou desexando crear temas novos con isto.
XdL: E xa para rematar… Quen é Zahara?
Zahara: [Risas] Pois sigo na busca e é esa busca a que me leva a facer música.