A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, pedirá unha reunión persoal co presidente da Xunta de Galicia, Alberto Nuñez Feijóo, para reclamarlle o seu compromiso persoal con Lugo xa que “na súa etapa de Goberno se contabilizan as maiores débedas do Goberno galego co municipio sen resolver”. Os orzamentos previstos para o vindeiro ano, “máis que reflectir a vontade política de Feijóo porque Lugo avance, amosan as continuadas débedas históricas que volven unha e outra vez a aparecer nas súas ‘contas da leiteira’, sen que a maioría delas se concreten en obras”, sostivo.
Segundo a rexedora, dificilmente pode o goberno da Xunta defender o seu apoio a Lugo se son sempre os mesmos temas os que volven a estar nos orzamentos porque as partidas quedan sen executar, “falamos de temas fundamentais” para o desenvolvemento do municipio “que o propio Feijóo freou na súa etapa de presidente e que evidencian que non existe un compromiso real seu de pechar os vellos investimentos pendentes para poder enfocar novas solucións a novos problemas”, argumentou.
Así, Méndez repasou en rolda de prensa as principais “débedas” con Lugo. A primeira, a Rolda Leste, un vial que leva 10 anos paralizado porque “foi o propio Feijóo quen meteu no 2009 a licitación xa preparada polo presidente Emilio Pérez Touriño nun caixón”, segundo advertiu a rexedora quen lembrou que as partidas orzamentarias para esta infraestrutura volveron a “aparecer” no 2012, desaparecendo, de novo, en anos posteriores. “Este ano fálase dunha partida de 300.000 euros para unha obra de 22 millóns e cuxa finalización nos propios orzamentos se adía máis alá do 2024. Na última campaña electoral a propia Xunta falaba de que este ano estaría o proxecto a exposición pública e as expropiacións executadas, e é dubidoso que os 300.000 euros cobran nin sequera o custe das expropiacións”.
Doutra banda, a Xunta orzamenta para 2020, 200.000 euros dedicados á Intermodal . “A de Lugo é a estación galega que vai con máis retraso a pesar de que podía estar xa rematada se o Goberno de Rajoy, tristemente cunha ministra galega ao fronte do ministerio, non metese o proxecto xa moi avanzado polo ministro José Blanco nun caixón no 2011, “ano no que xa estaba Feijóo de presidente e nada dixo, senón que deixou facer”, recalcou a alcaldesa.
Diferente é, segundo a rexedora, o caso do Plan Paradai, que leva cinco anos contando con miles de euros orzamentados pero “ningún executado”.
Por último, entre outras “débedas” a alcaldesa salientou que a Xunta non investiu “nin un só euro” en saneamento en Lugo a pesar de recibir nos últimos catro anos 5,5 millóns de euros dos lucenses polo canon da auga, que debería ser usado para este fin. “Pedimos que o Goberno galego financie o 70% do proxectos conxuntamente co Concello, que aportaría o 30%”, comentou a rexedora