O PP de Cervantes critica que “o alcalde non moveu un só dedo en máis dun ano para axilizar as altas en Protección Civil”

O voceiro do Grupo Municipal Popular de Cervantes, Javier Santín, denuncia que “o alcalde socialista non moveu un só dedo para axilizar a alta na agrupación local de Protección Civil de máis dunha decena de persoas que a temos solicitado dende fai máis dun ano”.

O popular critica que “o rexedor aínda non nos deu unha explicación real” e, polo tanto, considera que están a ser vítimas dun “trato político discriminatorio”. Así o manifesta despois de preguntar de novo durante a última sesión plenaria polo estado de tramitación desas altas e sobre as que non recibiu “ningunha resposta”. O voceiro do PP leva preto dun ano interesándose nos plenos por este tema e urxe, unha vez máis, a que o alcalde “tome cartas no asunto e desbloquee esta situación”.

Santín cre que “non incorporar máis dunha decena de persoas á agrupación de Protección Civil de Cervantes supón un desprezo a esta xente; pero tamén á totalidade dos veciños e veciñas do concello que non dispoñen deste persoal ante calquera necesidade que poida xurdir ou parar posibles casos de emerxencia”.

A este respecto, o voceiro popular contrapón a falta de interese do Goberno do PSOE no municipio por dotar de medios a Protección Civil co compromiso do goberno do PP na Xunta que dende a consellería de Presidencia vén de achegar novo material á agrupación local cervantega. De feito, explica que “despois da achega dun vehículo na pasada temporada, este ano o noso municipio recibiu un remolque de emerxencias dotado con xeradores, bombas de achique e material de sinalización, entre outros dispositivos”.

Santín afea tamén outro “trato discriminatorio” por parte do goberno local á hora de seleccionar as aldeas nas que se desenvolverá o proxecto de renovación de instalación de iluminación pública no concello; xa que “o 75% dos proxectos que se desenvolverán nos vindeiros meses pertencen a unha única parroquia fronte ao 25% restante que se dirixirá a outra”. A pesar de que “o reparto non segue criterios obxectivos” porque “o termo municipal ten máis parroquias que tamén se poderían ver beneficiadas destas melloras”; o Grupo Municipal Popular votou no pleno a favor da aprobación do convenio entre administracións que rexe estes proxectos que redundarán nunha mellora da eficiencia enerxética grazas á implantación da tecnoloxía LED.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com