O Grupo Común da Esquerda insta a que se cumpra o auto de paralización das obras do Oribio

O Grupo Común da Esquerda instou ao Goberno da Xunta a que cumpra o auto do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) de paralización das obras do parque eólico da Serra do Oribio. Nunha iniciativa defendida no Pleno do Parlamento, o voceiro Antón Sánchez rexeitou o modelo eólico do PP, baseado en “seguir saqueando Galicia”, e propuxo avanzar cara outro máis democratizado e respectuoso co país.

Na súa intervención, Sánchez criticou que “a cacicada que fixeron é paradigmática de como actúan en todo o país para favorecer os amigos”. Así cuestionou que a Xunta faga todo con todas as garantías, “por iso o TSXG suspendeu provisionalmente o parque eólico do Oribio. Meteron con calzador unha declaración de impacto ambiental obsoleta, que cando se actualice vai anular o parque. Vostedes apostan por un modelo colonial, pero é o momento de desenvolver outro modelo que sirva para crear riqueza”.

Antón Sánchez afondou en que é necesario “camiñar cara a pequena produción, a xeración distribuída e unha participación social maior. Precisamos ter un plan para un desenvolvemento moito menos agresivo cos valores culturais, ambientais e con retorno social, e planificar tamén a industria asociada ao desenvolvemento de tecnoloxía propia, para crear moito máis emprego e de máis calidade do que se crea só na producción”. Fronte a isto, reivindicou que “non podemos seguir con esta carreira de inzar o país con eólicos dun xeito no que se producen fortes impactos e os beneficios voan fóra de Galicia. Éste é o modelo que favorece ás eléctricas, aos bancos e fondos voitre”.

Deste xeito, incidiu en que a proposta do Grupo Común da Esquerda, rexeitada cos votos en contra do PP, “non é nada revolucionario en Europa. Ao contrario, o que demandamos é o modelo que propugna a Directiva Europea 72/2009”. Segundo apuntou Sánchez, “ese é o modelo do interese xeral,  sostible e viable. Viable polas características dun país coa poboación diseminada, e cunha rede eléctrica igualmente estendida, e necesario por ser imprescindible o cambio de modelo enerxético, a redución da dependencia, a preservación da paisaxe, do patrimonio e a biodiversidade, e por ser un mecanismo de produción de rendas no rural para frear a tendencia ao abandono actual”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com