O proceso de selección do persoal participante nos obradoiros de emprego financiados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria desenvolverase entre os días 30 de outubro e 26 de novembro.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, mantivo hoxe unha xuntanza na Delegación Territorial da Administración autonómica á que estaban convocados representantes de todos os concellos promotores co obxectivo de coordinar as actuacións encamiñadas á contratación do persoal. Nesta provincia, desenvolveranse 14 talleres que empregarán a 333 persoas: 272 alumnos-traballadores e 61 máis para as funcións de docencia, dirección e administración.
De todos os obradoiros que se levarán a cabo, 12 serán duais e outros dous de garantía xuvenil -en Lugo e Ribadeo, dirixidos especificamente a mozos e mozas menores de 30 anos e que xa comezaron-. Agora comeza a selección de persoal dos talleres duais, que terán unha duración mínima de 9 meses.
Segundo se informou na reunión desta mañá, o procedemento de escolla do alumnado-traballador terá dúas fases: en primeiro lugar farase a selección polas oficinas de emprego e a continuación por un grupo de traballo mixto integrado por Xunta e concellos. Cada obradoiro fará públicas as bases reguladoras do proceso de selección nas propias oficinas de emprego e nos taboleiros de anuncios e páxinas web dos concellos promotores.
O delegado territorial animou ás persoas interesadas a que acudan ás oficinas de emprego a solicitar a participación no obradoiro na especialidade que queiran. Terán preferencia para formar parte do alumnado aquelas persoas que teñan establecido ese tipo medidas no seu itinerario de inserción profesional; mulleres; colectivos en risco de exclusión; persoas que esgotasen as prestación ou subsidios por desemprego; persoas paradas de longa duración; maiores de 45 anos; persoas que carezan de títulos universitarios e de FP de grao superior; persoas con discapacidade e persoas beneficiarias da Risga.
No que respecta á distribución dos obradoiros duais por comarcas e concellos, hai tres promovidos na Mariña -‘Ribadeo alén do Camiño’; ‘Sendas de Burela, Cervo e Xove VI’ e ‘Terras do Sor III’, cun investimento de 1M€, a implicación de sete concellos e a realización de 74 contratos de traballo. Outros tres talleres involucran a 10 concellos da Terra Chá, Meira e a comarca de Lugo -‘Terra Chá Dixital’, ‘Camiño da Chaira V’ e ‘O Castro V’, cun investimento de 1M€ e 73 contratacións. Na Zona Sur, fináncianse con 1M€ un total de tres iniciativas nas que participan 7 concellos e que xerarán 73 contratos -‘Ricra III’, ‘Sillor VI’ e o obradoiro de Monforte de Lemos. Pola súa banda, na Montaña terá lugar o obradoiro ‘Vía Künig I’ -que comparten tres concellos-; Sarria promove individualmente ‘Sarria: Camiño de Santiago’ e o concello do Páramo impulsa con O Corgo e Guntín o taller ‘Ponte de Areas III’.