Industria vese obrigada a suspender temporalmente as autorizacións e obras do Oribio

O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, resolveu no día de onte deixar sen efecto de xeito temporal todas as actuacións administrativas “causalmente vinculadas” ao Acordo do Consello da Xunta do 27 de xuño suspendido recentemente polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, e polo que se aprobaba a modificación do proxecto sectorial do parque eólico do Oribio. Así mesmo, ordeou tamén “a paralización das obras derivadas das autorizacións administrativas, así como a Resolución da modificación non substancial”.

A Dirección Xeral de Enerxía e Minas enviou esta notificación á entidade ecoloxista ADEGA, como parte persoada no expediente de modificación, a última hora da tarde de onte e logo de que organización instase a dar cumprimento ao auto do TSXG e ordenase a paralización inmediata das obras.

Esta resolución do director xeral de Enerxía e Minas implica, non só supón a suspensión temporal da efectividade do Acordo do Consello da Xunta do 27 de xuño de 2019 suspendido polo TSXG, senón tamén dos acordos posteriores e anteriores vinculados a dito acordo, isto é: a Resolución do 31 de maio de 2007 pola que se autorizan as instalacións electromecánicas e se aproba o proxecto de execución, a súa inclusión no réxime especial, a declaración de utilidade pública do proxecto, a aprobación da modificación non substancial do parque eólico e a modificación definitiva do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal. Así mesmo, insta aos concellos de Samos e Triacastela, nos que se empraza o proxecto eólico a adoptar as medidas oportunas e, por tanto, suspender tamén temporalmente as licenzas municipais outorgadas para a execución das obras.

De feito, tamén no día de onte, o concello de Triacastela notificaba a ADEGA a suspensión da licenza outorgada pola Xunta de Goberno o pasado 30 de agosto para a construción do parque eólico Serra do Oribio e a paralización das obras feitas ao seu amparo. Pola súa banda, o concello de Samos non comunicou oficialmente a emisión da orde de paralización das obras, pero este feito foi confirmado telefonicamente con persoal do concello.

Desde a plataforma Salvemos O Iribio consideramos que o auto do TSXG e a posterior paralización das obras do parque eólico na serra do Iribio supoñen un fito histórico da acción organizada da sociedade civil na defensa ambiental e cultural do país, aínda que acollemos estas novas con certa cautela. Esta plataforma desconfía de que a empresa Fergo Galicia Vento acate as ordes de paralización, xa que aínda onte pola tarde as súas máquinas estaban a traballar na zona.

Instamos, por tanto, ás autoridades competentes a permanecer atentas ao que aconteza no monte Iribio e a dar estrito cumprimento ao disposto polo auto do TSXG e polas resolucións de paralización das obras da Dirección Xeral de Industria e dos concellos de Samos e Triacastela.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com