A Secretaria Provincial e Deputada Autonómica, Patricia Otero, acompañada dos Candidatos ao Congreso e ao Senado, mantiveron na tarde de onte unha xuntanza de traballo na sede monfortina, con Alcaldes e Voceiros desta Comarca na que analizaron novas iniciativas do PSdeG-PSOE para a contorna.
Patricia Otero denunciou que a Comarca de Monforte ”está ausente das contas de Feijóo. Como, por exemplo, o Porto Seco de Monforte que conta coa mesma partida que na pasada anualidade. Esta é a típica partida de copia e pega, que non se executou, e voltamos a incluíla nos orzamentos do seguinte ano. Coas contas de Feijoo o tecido industrial empresarial no poderá executar a conexión co corredor sur, para que Monforte sexa un nodo loxístico de transporte de mercadorías”.
O mesmo ocorre en Folgoso do Caurel “nos orzamentos do PP tamén hai unha partida de 750.000 euros para a LU 651, e volven a aparecer este ano porque seguen sen executarse. Un proxecto que leva comprometido polo PP dende o ano 2009, e cada vez que chegan as eleccións volven a aparecer nos orzamentos”, criticou.
En Ribas de Sil denuncian o reparto caciquil e electoralista dos fondos autonómicos. “Este Concello está facendo fronte a un proxecto de gran relevancia, como é a construción dun cámping turístico na Comarca, que só conta con fondos propios do Concello e da Deputación. Por iso queren coñecer cal é o investimento do Goberno de Feijóo en cada Concello, luz e taquígrafos”.
“As 3.700 veciñas e veciños do Saviñao denuncian que a Xunta de Feijoo vai a construír un novo centro de saúde sen consensualo coa poboación, no Campo da Lama, nunha ubicación que non é a axeitada para esta dotación sanitaria. Ademais demandan melloras na asistencia medica, xa que se reduciu un facultativo e o servizo de pediatría só atende dúas veces á semana”.