En Marea considera un “castigo” para Lugo os orzamentos da Xunta para 2020

Os orzamentos da Xunta de Galicia 2020 para Lugo son un “castigo” que deixa a provincia e cidade sen orzamentos e que para aparentar “repiten obras doutros anos que nunca que se fan”. Así criticaba esta mañá Luís Villares, voceiro de En Marea, o proxeto de presuposto proposto polo goberno autonómico para o vindeiro ano. O grupo anuncia que emendará estes orzamentos no Parlamento de Galicia “para conseguir que as contas atendan as necesidades das luguesas e lugueses”.

Luís Villares estivo hoxe en Lugo acompañado da voceira de Lugonovo, Cristina Pérez Herraiz, e de Víctor Álvarez, membro tamén da plataforma cidadá, e explicaron fronte ao cuartel de San Fernando ata que punto as contas que prevé a Xunta para Lugo en 2020 demostran “abandono” e “desinterese por amañar os problemas da cidade e da provincia”.

Para Cristina Pérez Herraiz os orzamentos de Lugo para o ano 2020 “son un corta e pega dos anos anteriores, seguindo o mesmo sistema de orzamentar obras que nunca se fan e non atender as auténticas necesidades da xente”. No mesmo sentido, a voceira de Lugonovo, sinalou algúns dos exemplos fundamentais de como a Xunta utiliza os orzamentos como propaganda para enganar á cidadanía de Lugo.

No mesmo sentido, sinalou o voceiro de En Marea, Luís Villares que estes orzamentos ”non son cribles porque ano tras ano, a Xunta de Galicia anuncia as mesmas partidas para proxectos coma o Plan Paradai ou o da Ronda Leste, dous clásicos nos orzamentos para a cidade, que despois vemos que na práctica quedan sen executar; polo tanto, consideramos que a Xunta de Galicia adícase a vender fume e non finaliza ningún dos seus proxectos estrela para a cidade”.

O voceiro de En Marea preguntouse “que terán feito as luguesas e lugueses á Xunta e a Balseiro para saír tan maltratados nos orzamentos anuais” porque, tal como explicou Villares, “estas contas son un castigo de abandono a Lugo”. Para Cristina Pérez Herraiz a única novidade no corte e pega para este ano é “incluir nos orzamentos da Xunta unha residencia de maiores que será pagada pola financiación privada”. Tanto Pérez Herraiz como Villares apuntaron que esta era unha demostración da “política social da Xunta que rebaixa impostos aos ricos, esquece a inversión social ou a deixa en mans privadas nunha actitude propia do pasado”.

Villares referiuse tamén a algunhas das grandes obras que tanto a cidade coma a provincia teñen pendentes, comezando pola “estación intermodal é máis ca insuficiente. Coidamos que está nas mans da Xunta de Galicia acadar que Lugo sexa unha cidade ben comunicada, conectada co resto das cidades galegas e por suposto co noso rural, atractiva para o turismo“. Insistiu o voceiro de En Marea que a Xunta “non está facendo todo o que ten na súa man para pular por un servizo de trens galegos, pois consideramos que a construción da intermodal é un brinde ó sol, xa que os accesos a Lugo nesa parte da cidade non están o suficientemente ben acondicionados como para situar alí unha estación de autobuses”. Engadiu, neste senso, que non é só que as obras non se estean realizando, senón que Lugo “conta a cada ano que pasa con menos trens e menos liñas de autobús que manteñan comunicada a cidade e a provincia entre elas e co resto de Galicia”.

Hai máis demostracións da falta de inversións de importancia para Lugo, sinalou Villares que “o Plan Paradai e a Ronda Leste  están sen rematar, e a propia entrada á cidade pola Fervedoira non nos parece adecuada en absoluto no caso de que tivese que acoller un aumento do tráfico nesa zona”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com