O Samaín vívese en Codex

Chega o fin de outubro e, con el, a noite máis especial do ano nos Codex: o Samain. Esta xornada especial celebrarase nas únicas salas lucenses de cine non comercial cun evento novidoso que inclúe unha maratón de filmes de terror con dous clásicos de culto da historia do cinema que chegaron a renovar o panorama deste xénero nos anos 70; e todo a un prezo moi especial.

Este xoves, 31 de outubro, en sesión continua poderánse ver Suspiria, de Dario Argento e A noite dos mortos vivintes de George A. Romero, en copias restauradas, rememoando as vellas dobres sesións dos cinemas de barrio. Un evento nocturno co que celebrar esta festa senlleira do outono galego.

Suspiria foi a confirmación internacional de Dario Argento. Tras varios filmes desde finais dos anos 60 nos que mostraba de forma orixinal tramas criminais na Italia da época. O seu cinema dirixiuse cos anos cara o terror e a descrición da mente enfermiza dos asasinos en serie. Profondo Rosso, Suspiria, Tenebrae e Phenomena convertérono nun dos grandes mestres do terror e é posiblemente Suspiria o filme que conseguiu maior aceptación, pola súa mestura de filme de terror puro co relato psicolóxico dunha muller intentando levar a cabo o soño de converterse nunha gran bailarina.

Este filme sentou as bases do terror psicolóxico e foi fundamental para grandes éxitos recentes como Cisne negro ou mesmo o remake feito en Hollywood o ano pasado. Aínda así, o filme de Argento mantense como unha gran obra chea de estilo e de momentos sorprendentes, tendo a actriz Jessica Harper como unha icona absoluta do cine de terror e a maxistral banda sonora do grupo de rock progresivo Goblin como colofón a unha obra redonda e inesquecible.

Mesturando os elementos do cinema de terror clásico coa metáfora política, o cineasta de orixes galegas George A. Romero revolucionou o mundo do cinema con A noite dos mortos viventes, o primeiro gran filme de zombies, deses mortos que se moven a golpe de espasmos na busca de carne viva coa que alimentarse. O filme, a partir do terror e a angustia que xeran estes seres insaciables, conseguía poñer en situación toda unha serie de problemas sociais dos Estados Unidos dos anos 70, unha sociedade moi politizada cos movementos contraculturais e a oposición á guerra do Vietnam.

Así, este filme de Romero é unha película de zombies, mais tamén un alegato sobre a emancipación da muller, contra a discriminación racial e un gran tratado sobre o clima de histeria política que se vivía nos Estados Unidos. Foi o primeiro dunha serie de traballos onde, partindo da apocalipse zombie, se narraba a crise dunha sociedade cada vez máis dominada pola violencia e os conflitos sociais.

Romero e Argento son dous revolucionarios do estilo e das temáticas do cinema de xénero. O primeiro morreu dun cancro hai un par de anos, deixando un traballo marcado pola coherencia estética e o compromiso político. Argento, xa case retirado do cinema tras o fracaso da súa persoal versión de Dracula, resiste como un dos últimos grandes mestres do terror. Os dous foron amigos e colaboradores durante moitos anos e agora encóntranse de novo nesta memorable dobre sesión de cinema. Para celebrar a ocasión, haberá tamén concursos e outras sorpresas que serán desveladas nos próximos días nas redes sociais.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com