José López Orozco, cabeza de lista da candidatura socialista á Alcaldía de Lugo, acompañado doutros integrantes da mesma como Lara Méndez, Adrián Vázquez, Diego Pena Luaces e Luís Álvarez reuníronse hoxe coa Asociación Provincial de Empresarios da Construción (APEC), representados polo seu presidente, Hipólito Trinidad Losada e por membros da Xunta Directiva da entidade.
López Orozco e a candidatura socialista acudiron ao encontro co fin de escoitar as demandas e propostas da APEC, constituída por empresarios do sector da construción e por outras empresas dedicadas a actividades auxiliares e afíns, para que poidan quedar reflectidas no programa electoral que presentarán os socialistas lucenses para as eleccións municipais do 24 de maio.
Ao mesmo tempo, o Alcalde e candidato á alcaldía lucense comprometeuse cos integrantes da APEC a rebaixar as taxas de ocupación da vía pública para a realización de obras co fin de fomentar a rehabilitación de vivendas e contribuír a impulsar a actividade no sector da construción.
As xuntanzas dos socialistas lucenses con entidades da vida empresarial, económica, social e cultural do Concello de Lugo seguen mañá con dúas citas: con colectivos que traballan polos dereitos do Pobo Xitano e coa Asociación de Persoas Xordas de Lugo.