Un grupo de voluntarios limpou e acondicionou esta fin de semana a ruta de sendeirismo de San Mamede, en Triacastela, que une a capitalidade coa capela.
A intervención forma parte das actividades para a conservación e divulgación do medio ambiente ao abeiro do proxecto europeo Life Envergreen with Volunteer (Lewo) que organiza a Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e a de Patrimonio Natural.
O obxectivo do proxecto Lewo é concienciar á xente nova sobre a importancia de respectar e poñer en valor diferentes espazos naturais da comunidade de gran valor ambiental, ao tempo que se aposta polo voluntariado ambiental.
Esta iniciativa está dirixida a mozos e mozas galegos de entre 18 e 30 anos. Realizan tarefas de limpeza, control de flora exótica prexudicial para os hábitats, obradoiros didácticos e de sensibilización e actividades de ocio educativo, entre outras accións.
O proxecto foi aprobado no marco do programa LIFE 2016 da Comisión Europea, de cara ao obxectivo de dar a coñecer o patrimonio natural de Galicia a través da promoción de tarefas de voluntariado ambiental entre os mozos galegos en zonas emblemáticas da comunidade.