O Concello solicita á Xunta unha subvención destinada a captar investimentos empresariais

O edil de Desenvolvemento Local trasladará mañá á Xunta de Goberno Local unha proposta para solicitar á Consellería de Economía e Industria unha subvención coa que cofinanciar o salario de dous Axentes de Emprego municipais.

“Será persoal con experiencia e formación especializada, que, durante un ano se dedicará a tempo completo e practicamente en exclusiva, á captación de investimentos e de empresas, así como ao fomento do autoemprego e do emprendemento e que tamén exercerán diversas tarefas como promotores de actividade, prospectores de mercado e asesores puntuais de proxectos de empresa”, explica Mauricio Repetto.

”Sabemos que en Lugo temos suficientes reclamos que nos converten nun berce de oportunidades para negocios de diversos sectores. Queremos aproveitalos ao máximo concentrando o esforzo e a capacitación destes dous traballadores na procura desa meta: sacarlle todo o rendemento ao atractivo que ten o noso municipio e que, á súa vez, revirta nel todo ese beneficio”, indicou o concelleiro.

Mauricio Repetto informou que o seu departamento concorrerá ás axudas autonómicas para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades locais, ao abeiro da Orde do 18 de setembro de 2019.

“A contía da subvención que se solicita é de 33.853’37€. O equivalente ao 35% dos custos salariais totais que supoñen esas contratacións (98.806’80€), xa que o compromiso de cofinanciamento por parte da administración local cubre o 65% restante. É dicir, os outros 64.971’43€ serán aportados polo Concello, dentro do que, para a área de Desenvolvemento Local constitúe un obxectivo estratéxico na nosa liña de actuación que, de contar coa colaboración autonómica, agardamos poder iniciar xa a mediados do próximo mes de decembro”, concluíu o edil.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com