A CIG ten convocada unha concentración para mañá, xoves 31 de outubro, ás 14:00 horas, diante da Casa do Concello de Chantada en rexeitamento ao proceso de privatización do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) que pretende levar adiante o Goberno municipal. A protesta insírese no calendario de mobilizacións que as traballadoras do servizo están a realizar con motivo da folga indefinida iniciada o pasado luns e que está marcada polos abusivos servizos mínimos impostos, que acadan o 95% da actividade, que a CIG xa recorreu por vulnerar o dereito fundamental á folga.
A decisión do Goberno local, que pretende que o servizo pase a xestión privada a partir de xaneiro próximo, resulta sorprendente cando nestes momentos se está negociando a Relación de Postos de Traballo (RPT) na que aparecen incluídos os postos do SAF, integrado por 29 persoas. Ademais, a CIG rexeita as escusas esgrimidas polo alcalde e a concelleira a respecto das dificultades de xestión do servizo ou para atopar traballadoras para facer substitucións, posto que o Concello podería contratar máis persoal para Servizos Sociais e xa ten de man unha empresa para cubrir ausencias.
Fronte ás pretensións do Goberno local de avanzar na privatización dos servizos públicos, as traballadoras continuarán adiante coa folga e coas mobilizacións contra unha medida que só traerá precariedade laboral, unha perda da calidade do servizo que se presta e un incremento do seu custe. Neste senso, a central sindical vén de solicitar unha reunión coa Xunta de Galiza e coa Deputación de Lugo para pedir a intervención de ambas Administracións e que se paralice o proceso de privatización do SAF.