Onde os mortos “falan” en galego

San Facundo de Ribas de Miño está na fin dun dos nosos infinitos mundos, asomado ao Miño contido en Belesar en maxestuoso embalse que baña as costas fluviais de Paradela.

O que chega a San Facundo atopa un edificio que foi cenobio desde hai novecentos anos, cunha igrexa románica que logo foi a primeira gótica das terras lucenses, quedando os restos románicos por fóra, como envolvendo á vella nova igrexa.

E medio rodeando a igrexa, o cemiterio, orixinalísimo en trazado, e aínda máis orixinal se temos en conta que as quince tumbas “habitadas” deste cemiterio teñen as lápidas en galego. É un caso único en Galicia que hoxe, xoves, 31 de maio, orixina unha festa promovida pola Asociación de Funcionarios a prol da Lingua Galega, o Concello de Paradela e a Xunta de Galicia.

Lembra o crego e musicólogo Xesús Mato, que ven de cumprir 87 anos, que cando preparaba a entrada no Seminario, hai algo máis de 75 anos, estudiou un verán sentado no tellado da igrexa do mosteiro. Porque o paso dos séculos, o abandono do mosteiro, orixinou que a terra do contorno subise ata cubrir a igrexa, sendo xa no remate do século XX restaurada xunto co mosteiro, para lucir en todo o seu esplendor.

Cando o mosteiro se restaurou, os arquitectos lucenses Alberte González e Jorge Salvador, coordinaron o traslado das sepulturas desde o chan diante da igrexa ao novo cemiterio, rotulando as lápidas en galego. E os enterramentos de despois, seguiron sendo en galego, producindo o exemplo único en Galicia de que os mortos “falan” o mesmo idioma que falaron en vida.

O de San Facundo é lugar solitario, ao que se accede por estrada desde Paradela  e desde a estrada que ven de Portomarín, con risco de perderse… porque hay un acceso directo que comezou a facerse pero por problemas técnicos parouse hai anos a 400 metros do mosteiro.

Media ducia de veciños nun amplo arredor, e un mundo de viñas de mencía que son riqueza e orgullo de Paradela, custodian en silencio o vello mosteiro e o seu cemiterio galego.

Este un de novembro, unha ceremonia emocionada rachará o silencio. Só un anaco, porque minutos despois, os mortos poderán seguir durmindo en paz… eso si, en galego, como Deus manda.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com