O presidente a Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe, na rolda de prensa do Consello, que o Goberno galego avanza na conversión do corredor Nadela-Sarria en autovía para conseguir unha maior seguridade viaria e un menor tempo de conexión.
O corredor Lugo-Sarria-Monforte, cuxo último tramo se puxo en servizo en 2015, converteuse nunha das principais infraestruturas de vertebración do interior de Galicia ao conectar Lugo e a capital de Lemos nuns 45 minutos, grazas a un investimento da Xunta de 135M€ desde o ano 2009.
A aprobación do decreto polo que se declara a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e terreos necesarios permite executar a primeira fase para a conversión en autovía, concretamente no tramo entre A Pobra de San Xiao e Sarria Centro, un tramo de 11 quilómetros, nos concellos de Sarria e O Páramo. O orzamento para esta primeira fase será de 24,4M€, aos que se engaden máis de 250.000 euros para expropiacións.
Con respecto aos prazos, o presidente da Xunta avanzou que “prevemos a licitación das obras de conversión en autovía a finais deste ano e iniciar a execución das obras nos primeiros meses do ano 2020”.
O proxecto inclúe a adaptacións dos enlaces da Pobra de San Xiao, Sarria Norte e Sarria Centro e, ademais, prevese a adaptación dos pasos inferiores e a reposición dos camiños de servizo afectados. Paralelamente ao inicio desta primeira fase, tamén se avanzará na redacción do proxecto da seguinte fase entre Láncara e Nadela, cun investimento que pode superar os 35M€.