Galicia en Común celebrou este sábado en Lugo un multitudinario acto que contou coa presenza da candidata de Lugo, Vanessa Somoza, acompañada de Yolanda Díaz e Antón Gómez-Reino, entre outros, e como convidado, o historiador e exdeputado no Congreso, Xavi Domenech.
A candidata de Galicia en Común pola provincia de Lugo, Vanessa Somoza, salientou que “non imos dar un paso atrás na defensa dos dereitos das traballadoras e dos traballadores e do feminismo por moito que convoquen eleccións”, e que “precisamos votos útiles para a cidadanía, para poder levar ao Congreso os verdadeiros problemas da xente».
«Somos o único espazo capaz de rachar co bipartidismo en Lugo, voltaremos facelo e conseguiremos levar representación e as demandas dos lugueses e luguesas ás Cortes», incidiu.
Somoza sinalou a «urxente» situación na que se atopa a provincia de Lugo, que está reclamando atención e medidas urxentes. «Temos que salvar a nosa industria, o noso medio, romper o illamento e impulsar infraestruturas, acadar a reforma da PAC e prezo xusto do leite, e conseguir un xulgado do social e de violencia de xenero para Lugo», incidiu a candidata.
A candidata Yolanda Díaz foi a encargada de pechar este mediodía o acto en Lugo. Na súa intervención, a candidata de Galicia En Común destacou que nestas eleccións xogámonos «voltar ao bipartidismo”, e denunciou as mentiras da Ministra en funcións, Nadia Calviño, que se pasou por Lugo para asegurar que o PSOE pelexou polos sectores produtivos cando foi «todo o contrario». «Mañá hai unha macro manifestación das traballadoras e traballadores de Alcoa San Cibrao, e non están facendo nada”.
Díaz manifestou que é hora xa de “meterlle man ás grandes multinacionais da enerxía que permiten que moita xente en Galicia non poda prender a calefacción”.
Tamén lembrou os 9.000 millóns de euros que nos custou ás galegas e aos galegos a quebra das caixas de aforros, case o mesmo que o Orzamento galego (10.000 millóns).
«Non hai voto máis inútil que votar a quen non vai derogar a reforma laboral, e que quere implantar medidas como a mochila austríaca, que recortará, aínda máis, os dereitos das traballadoras e dos traballadores”. Amosou, así mesmo, a honra que supón que a imputación que hai enriba da mesa contra as deputadas e deputados galegos de Galicia En Común sexa por defender aos traballadores de Alcoa.
Pola súa banda, o candidato pola provincia de A Coruña, Antón Gómez-Reino, que tamén agradeceu a presenza de Xavi Domenech en Lugo, destacou que “todos somos conscientes de que enfrontamos unha campaña dura, onde os poderes van intentar que non teñamos o magnífico resultado que estou seguro de que teremos o 10N”, e fixo fincapé no lema de Galicia En Común para estas eleccións xerais, sinalando que “podedes contar con nós para defender a igualdade, os sectores produtivos, as pensións, o prezo do leite…”.
No caso concreto de Lugo, o candidato de Galicia En Común denunciou que “esta provincia segue a ser unha das provincias onde se paga o leite máis baixo do Estado».
«O Goberno fai unha negociación nefasta en Bruxelas, esto provoca tamén que teñamos os portos da Mariña abandonados”, incidiu.
Nov 03, 2019 - 07:16 PM
E máis paradas… Que políticos ou aspirantes temos????? Logo as mulleres ante as actuais leis, non teñen os mismos dereitos……..