Representantes da Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria mantiveron esta mañá unha xuntanza con representantes de pais e nais dos escolares dos centros educativos da zona sur do concello de Lugo.
Os proxenitores tiñan solicitada esta reunión para interesarse polas previsións da consellería ante o seu temor a que as prazas ofertadas para o curso 2015-2016 para educación infantil non foran suficientes para cubrir a demanda existente.
No encontro desta mañá, no que ademais da Xefa Territorial, Carmen Gueimunde, participaron o inspector de zona, a inspectora de escolarización, o xefe de inspectores e responsables da unidade técnica, indicóuselles que ata o vindeiro día 25 non se publicarán as listas provisionais de admitidos polo que, neste intre, aínda se están a cotexar datos das solicitudes recibidas.
En calquera caso, segundo lles adiantaron, dende os servizos técnicos ven factible e viable a habilitación dunha nova unidade de infantil no CEIP As Mercedes para o vindeiro curso 2015-2016, así como outra no CEIP de Casás para cubrir as necesidades da zona norte de cidade.