A área de Benestar, Inclusión e Maiores do Concello de Lugo vén de subscribir esta mañá o convenio para a adhesión á Historia Social Única.
“A firma deste convenio ten como obxectivo favorecer o desempeño do seu labor aos traballadores sociais de forma que permitirá gañar axilidade nas tarefas diarias e na tramitación de tódolos expedientes da concellería”, explicou Olga López Racamdonde.
A edil trasladou que, trala sinatura de hoxe, o persoal recibirá formación específica durante a vindeira semana coa finalidade de que a nova ferramenta electrónica entre en funcionamento antes de que remate o ano, “xa que, neste intre, nos atopamos en pleno proceso de instauración da mesma”.
O Concello de Lugo vinculará o seu sistema de información de Servizos Sociais co da Xunta de Galicia para mellorar a atención e a intervención ás persoas usuarias.
A implantación do novo sistema de interconexión conlevará, segundo explicou Olga López Racamonde, un reforzo de persoal para atender a carga de traballo, polo que se se incorporou a dúas persoas para que se encargasen de dixitalizar os máis de 12.000 expedientes que xestiona o servizo e dun terceiro empregado para xerar unha Axenda Electrónica, que permitirá aos usuarios dos Servizos Sociais do municipio pedir cita por internet.
A modernización da xestión da área de Servizos Sociais enmárcase no proceso iniciado polo goberno de Lara Méndez na segunda gran transformación de Lugo para que a administración local gañe en eficacia e axilidade e sexa máis próxima á cidadanía, como se procura tamén coa implantación da E-Administración, xa en marcha, ou co desenvolvemento de experiencias piloto enmarcadas no proxecto europeo Smart City.