A asociación de veciños ‘Alexandre Bóveda’ do barrio de Paradai, veñen de presentar un escrito no Concello de Lugo solicitando o “arranxo” de diversas vías da zona. Así, con imaxes e nomeando rúa por rúa, os veciños explican no documento as eivas de cada unha.
As principais problemáticas que manifestan son a falta de beirarrúas, fochancas de gran tamaño e bacheados mal arranxados que sobrepasan o nivel do firme.
Segundo aseguran dende a asociación, no estado de numerosas vías é “manifestamente mellorable” e solicitan “que se arranxe o estado destas rúas cara ó vindeiro orzamento do 2020”.
“Vixilancia, disciplina e control”
Esta petición ao Concello, súmase a outras moitas remitidas por diversos veciños da zona que reclaman a solución a moitas eivas: dende arranxo de vías ou mellora e repintado das sinalizacións ata unha maior “vixilancia, disciplina e control” en canto a aparcamento irregular se refire.
Así, segundo denuncia outro veciño da zona, o pasado 15 de xullo, el mesmo lle remitía un escrito á área de Infraestruturas do Concello solicitando diferentes actuacións de mellora da seguridade viaria nos arredores da rúa Río Sil. Este documento nunca foi respondido pola administración local.
Este veciño reclama, entre outras actuacións, a instalación de sinalización vertical que marque onde se atopan os pasos de peóns así como o repintado dos mesmos. Ademáis, debido ás altas velocidades coas que chegan a transitar os vehículos pola zona, considera oportuno instalar elementos que obriguen aos condutores a reducir a velocidade.
Nov 13, 2019 - 02:43 PM
Non son as únicas peticións da zona. Formais e informais. A ver se nesta década o @concellodelugo se… https://t.co/PllJywUshL