As degustacións deste mes de novembro terán lugar dende este venres e ata o domingo 24 deste mes, en 50 establecementos de hostalería de 23 concellos da provincia. Nesta ocasión, os restaurantes empregarán nos seus menús a raza galiña de Mos, os grelos e a pataca de Galicia e o queixo de tetilla cociñados con diferentes estilos. Na páxina web da Deputación e en www.eparacomerlugo.com pódese consultar os restaurantes participantes no programa.
A Deputada de Turismo puxo en valor as Exaltacións Gastronómicas, das que fixo un balance positivo, e apostou por seguir creando sinerxías entre a hostalería, os produtores e a Deputación para converter a tendencia á alza que está a experimentar o turismo gastronómico en actividade económica e creación de emprego sostible na provincia. A deputada lembrou neste senso que, segundo estudos recentes, a gastronomía está entre as 8 tendencias de viaxe para o 2020 e o 71% dos viaxeiros indica que comer produtos de orixe local é importante para eles nas súas vacacións.
Xunto á Deputada de Turismo, no acto de presentación tamén participaron o Presidente de Avimos, Francisco Monasterios Solveira, o Presidente Consello Regulador da IXP Grelos de Galicia, Andrés de la Fuente, acompañados do Presidente de AFAPAN, Cesar Fieiras Pérez, e do Director Comercial El Progreso, Jose María Álvarez Vilabrille.
Na aposta do Goberno Provincial pola promoción dos produtos autóctonos de calidade e en apoio aos produtores do rural lucense, como clave para o impulso da economía da provincia, a Deputación achegou 60.000 euros á Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo para impulsar accións de promoción como este programa Exaltacións Gastronómicas.
Estas xornadas realizáronse todos os meses desde o pasado abril poñendo en valor a gastronomía da provincia a través da degustación de produtos acreditados cos selos de calidade, como son a Indicación Xeográfica Protexida (IXP) ou a Denominación de Orixe (DOP). Outro dos obxectivos destas xornadas foidinamizar o sector servizos e desestacionalizar o consumo dos produtos.