O temporal de frío e neve chegou á provincia de Lugo restrinxindo o acceso a algunhas estradas e deixando sen clase a 841 alumnos de 18 centros da provincia. Ante a previsión de nevaradas, a Consellería de Educación suspendía as clases en 15 centros educativos da Montaña, na que se esperan acumulacións de ata 20 centímetros de neve. Ademáis, outros tres centros educativos acusaron a falta de alumnos que non puideron acudir ás clases por mor de diferentes incidencias nas rutas do transporte escolar; foron o CPI Plurilingüe de Castroverde, o IES Xograr Alfonso Gómez de Sarria e o CEE Santa María de Lugo.
Ao longo do día de hoxe está previsto que se reúna a comisión escolar de alertas da Consellería para acordar se se suspende esta medida ou se prorroga durante estes días.
Neste mesmo senso, numerosas estradas da comarca da Montaña víronse afectadas polo temporal, así o Subsector de Tráfico da Garda Civil de Lugo decidiu restrinxir o paso de vehículos articulados e autobuses nas estradas de Pedrafita do Cebreiro. Así os medios da Deputación de Lugo están a traballar dende esta pasada medianoite no acondicionamento de máis de corenta estradas da súa titularidade en 12 concellos.
Asemade, na Mariña, o litoral permanece en alerta vermella por ondas de máis de oito metros polo que se recomenda manter as embarcacións amarradas.