“En primeiro lugar, nin sobre esta persoa pesa aínda ningunha orde de expulsión do país, nin o informe municipal de arraigamento é determinante para evitala e ademais este non é o motivo polo que non se lle concede o permiso de residencia”. Así de contundente se amosaba esta mañá Olga López Racamonde para desmentir as “difamacións” vertidas polo Partido Popular esta semana cando atribuíu a resolución de Inmigración a unha neglixecia dos Servizos Sociais.
Logo de reunirse coa persoa afectada para coñecer de primeira man todos os detalles do acontecido a edil de Benestar comparecía hoxe en rolda de prensa para clarificar os feitos.
“Por unha banda, a denegación dun permiso de residencia non implica unha orde de expulsión. Pola outra, nunca esa decisión se condiciona á presentación ou non dun informe de inserción social porque en todo caso, esa falta é fácil e rápidamente subsanable”, explicou a concelleira.
Así, segundo afirmou, o procedemento pasa porque Estranxeiría se poña en contacto cos Servizos Sociais municipais para notificarlle este tipo de decisións “cousa que aquí non sucedeu porque este documento non é o motivo polo que non se lle autoriza a esta persoa a quedarse en Lugo”; ademáis o interesado sempre podería recorrer esta decisión administrativa nun prazo de dez días.
“O que nos resulta completamente incomprensible é que o portavoz do PP, tendo sido Subdelegado do Goberno, amose semellante descoñecemento do proceso”, lamentou a concelleira, “aínda que pouco se pode agardar de quen, cos cargos que ostenta, afirma que no noso municipio residen 1000 inmigrantes cando a comunidade alcanza os 10.000”.
López Racamonde cualificou de “irresponsabilidade absoluta” o comportamento do portavoz popular “por alarmar innecesariamente á cidadanía insinuando que se atopa nunha situación de indefensión ante a mala praxis dos servizos municipais. Unha calumnia que non lle penso consentir”.
O Partido Popular denunciaba hai días que o atraso na emisión dun informe de Servizos Sociais foi o que provocou que Inmigración dictase unha orde de expulsión do país contra a persoa afectada. “Unha mentira torticeira que o único que pon en evidencia é a súa falta de rigor”, criticou a edil de Benestar.
A concelleira defende, asemade, á funcionaria de Servizos Sociais aclarando que “atende a unha media de 90 peroas ao mes, o 10% estranxeiras polo que tramita ao redor de 130 expedientes coma este sen propiciar nunca unha situación como a descrita, ou máis ben terxiversada, polo señor Carballo”.
A responsable de Benestar explicou tamén que aínda que a elaboración do informe de arraigo social se demorou do prazo de tres meses establecido, parte do atraso veu motivado porque a persoa interesada tardou en incorporar documentación que lle foi requirida polo Concello en varias ocasións. “E cando presentou a reclamación no Rexistro o fixo aludindo só á parte relativa ao informe municipal e obviando o resto da resolución na que xa se lle indicaba que a denegación do permiso se producía por dúas causas máis. Unhas circunstancias que o Partido Popular debera ter contrastado primeiro se os seus fins foran outros que os de instrumentalizar a situación en beneficio propio e sen medir que tan lamentable manobra o único que descobre é non só a súa falta de escrúpulos e agora tamén, de credibilidade”, concluíu Olga López Racamonde.