Unha tubaxe deixa a rúa Rei Don García sen auga dous días

O rebentón dunha tubaxe na rúa Rei Don García o pasado sábado, deixou durante dous días a centos de veciños sen auga correntes nas súas vivendas. A avaría afectou aos edificios da marxe esquerda da vía, entre a Rampla de Claudio López ata Pintor Laxeiro; en total, oito bloques de edificios víronse sen auga durante a fin de semana.

O Concello de Lugo deu o aviso esta mañá á brigada de augas que traballou dende primeira hora para repagar a fuga. O propio responsable de Medio Ambiente, Álvaro Santos, realiza un seguimento desta actuación. Foi a falta de persoal a que obrigou ao operario de garda a cortar a subministración de auga dado que non podían arranxar esta eiva por ser canalizacións de fibrocemento.

“Tendo en conta que as conducións desta parte da cidade son moi antigas e que o material de construción empregado foi o fibrocemento, esta circunstancia obriga a poñer en marcha un protocolo de actuación específico, motivo que condicionou que houbera que agardar ata hoxe para acometer o arranxo con absolutas garantías de seguridade non só para os técnicos senón tamén para o conxunto da veciñanza”, indica Santos Ramos dende o goberno municipal.

“A brigada municipal de augas conta con equipos especiais para poder manipular axeitadamente esta substancia, un equipamiento dos que non dispoñen tódalas empresas e que resulta imprescindible para minimizar riscos tanto físicos como ambientais. Ese foi o motivo principal polo que se adiou ata hoxe a devandita reparación, a pesar das molestias que puido ocasionar entre os residentes afectados estar sen auga corrente durante o domingo e a madrugada do sábado”, explica Álvaro Santos.

O concelleiro de Medio Ambiente refire que, noutras ocasións, cando tiveron lugar outras incidencias fóra do horario laboral da brigada municipal, a administración botou man de externalizacións, baixo o procedemento de urxencia. “Con cargo aos novos orzamentos, incluiremos unha partida coa que dar cobertura a un contrato co que poder atallar estas avarías de emerxencia coa fin de dar resposta permanentemente ás necesidades da poboación coa máxima dilixencia”, concluíu o edil quen, primando o servizo á cidadanía, lamentou o contratempo que supuxo para a veciñanza de Rei don García estar sen auga durante estas dúas xornadas.

O PP esixe o reforzo da brigada

Pola súa banda, o concelleiro do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, denuncia a situación que centos de lucenses viviron esta fin de semana ao quedar sen o servizo de auga corrente nas súas vivendas ao sufrir unha nova rotura a tubaxe municipal.

Antonio Ameijide critica a actuación do goberno local, en concreto do concelleiro Álvaro Santos, que non foi quen de descolgar o teléfono en toda a fin de semana para contratar un servizo privado de urxencia para arranxar a situación e devolver o subministro de auga corrente aos veciños afectados no menor prazo de tempo posible. “É incrible como o señor Álvaro Santos se lavou as mans neste asunto, pero o peor é que a súa superior, a alcaldesa, tampouco fixo nada por corrixir a súa deficiente actuación e poñer orde neste asunto”, afirmou.

O popular afirma que dende o Grupo Municipal Popular se pedirá o reforzo inmediato da brigada de augas, mellorando as súas condicións laborais e asegurando que se lles pagan os cartos que lles deben, e a creación dun dispositivo de emerxencia para os momentos nos que a brigada de augas non se atope operativa, xa sexa a través da contratación de servizos de urxencias ou outro sistema.

Novas relacionadas

Unha resposta

Deixa unha resposta
  1. Carlos Fernandez Peleteiro
    Nov 18, 2019 - 11:41 PM

    Que esto ocurra no primerísimo mundo, donde estamos esquilmados a impostos. Verdadeiramente e incríbel. Pero como os Paganini xa teñen auga e o político de turno dixo as tonterías que se lle ocurrieron, xa pasou todo. Hasta a próxima amiguiños….

    Reply

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com