A área de Educación e Difusión do Coñecemento do Concello de Lugo, anunciou no día de hoxe a convocatoria, por primeira vez neste mandato, do Consello Escolar Municipal, “o órgano no que se integran os sectores sociais implicados na educación”.
Na xuntanza, que terá lugar o vindeiro mércores, o edil encargado desta área trasladará ás persoas asistentes os plans de actuación a desenvolver dende a Concellería de Educación. O goberno anunciou que unha desas liñas inclúe o aumento da inversión, para os orzamentos de 2020, das partidas destinadas ao mantemento dos centros educativos, “o que nos permitirá mellorar a axilidade e a atención das incidencias”, segundo indicou o concelleiro nacionalista.
A zonificación escolar será outro dos temas a tratar. Felipe Rivas indicou que “dende o Concello comprometémonos a colaborar cos centros de cara a conseguir, por parte da Xunta de Galiza, unha mellora na actual situación”.