O Colectivo Egeria leva ‘O fin do Camiño’ a Compostela

O Colectivo Egeria vén de presentar en Santiago de Compostela a mostra itinerante O fin do Camiño que conta co patrocinio da Xunta de Galicia a través do programa ‘O teu Xacobeo’. Estiveron presentes neste acto Segundo Pérez, deán da Catedral de Santiago; Cecilia Pereira, comisaria do Xacobeo 2021; Isaías Calvo, director da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo; e Xulio Xiz, presidente do Colectivo Egeria, organizador desta mostra.

Os textos que acompañan a exposición están redactados en galego, castelán e inglés para a comprensión xeral, xa que está dirixida aos peregrinos. Esta mesma razón é a que leva ao Colectivo a incluír na súa programación numerosos puntos dos Camiños de Santiago, comezando polos fitos do Camiño Francés en Galicia.

As fotografías son de dous importantes fotógrafos galegos, Eduardo Ochoa e Carlos Puga, que reflicten especiais visións dos diferentes Camiños a Compostela, arredándose das visións turísticas e centrándose nos aspectos humanos e monumentais, dos que se destacan os detalles máis sobranceiros.

Os textos abordan o tema de O fin do Camiño como expresión dos sentimentos que moven ao peregrino para emprender este Camiño milenario, tendo capítulos especiais para o motor da fe, os máis de mil anos dos camiños, o percorrido cara a unha terra de brumas e de luz.

Exprésase a procedencia dos peregrinos de lonxanas terras, polos camiños todos que levan a Compostela… destacando aspectos como que Europa se mira en Compostela, a peregrinación en multitude ou en soidade, os peregrinos singulares ou anónimos, o millón de pasos que constitúe o Camiño Francés, a cadea de fervores que o Camiño supón, para chegar á Capital de Occidente, visitar a tumba do apóstolo, completar un camiño interior reflexo do exterior percorrido, e emprender o Camiño de volta.

Cada panel conta con brevísimas glosas do Camiño de Urbano Lugrís, Dante ou Frei Luis de León; Filgueira ou Pensado; Tirso, Machado, Fraguas, Pondal, Cunqueiro, Torrente, Cervantes, Celso Emilio ou Manuel Rodríguez López.

A mostra está composta por dez paneis dobres, de 2X1 metros, e ademais do patrocinio da Xunta de Galicia a través de “O teu Xacobeo”, conta coa colaboración da Asociación de Municipios del Camino de Santiago e Acogida Cristiana del Camino, da Catedral de Santiago, e da plataforma en internet GaliciaDigital, que desenvolveu a web do proxecto, cos contidos da exposición.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com