O periodista Ignacio Escolar e o socialmedia David Varona, entre os profesionais que acollerá o III Congreso InLugo15

Ao igual que nos últimos tres anos, Lugo volverá ser o centro de referencia da cultura dixital e as redes sociais coa celebración do que xa se ten convertido no encontro máis importante de Galicia e un dos máis destacados a nivel nacional: o Congreso #INLUGO15, un foro gratuíto e para todos os públicos, que terá lugar no Pazo de San Marcos os días 8 e 9 de maio.

A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, acompañada polo Director de Fondos Europeos da Deputación, Pablo Rivera, presentou hoxe a terceira edición deste encontro nacido co obxectivo de fomentar o uso da rede e das novas tecnoloxías entre todos os sectores da poboación e reflexionar sobre o papel das mesmas na sociedade actual. Tal e como destacou Méndez, “a Deputación leva oito anos apostando polas TIC como elemento motor de desenvolvemento, e un encontro tecnolóxico das características deste é, ademais, un escaparate de excepción para a promoción económica e turística da provincia e Galicia”.

De feito, o #INLUGO vén conseguindo en cada edición ser trending topic en Twitter, o que supón unha gran proxección da provincia e do talento lucense. Coma é habitual, o congreso contará cunha ampla programación, con actividades como relatorios, debates e ponencias nas que personalidades e reputados expertos avaliarán os cambios de hábitos, mentalidades, formas de comunicación e estilos de vida que está provocando Internet na sociedade dos nosos días, dende puntos de vista como a seguridade dixital, o dereito na rede, o márketing online ou o éxito dos novos medios xurdidos ao seu abeiro.

A terceira edición do #INLUGO contará con destacados expertos e figuras relevantes da rede que compartirán nesta cita os seus coñecementos cos asistentes. A Deputación de Lugo recibirá, por exemplo, a Ignacio Escolar, exdirector do diario Público e na actualidade director dun dos xornais dixitais de referencia en España, @eldiarioes, que será o encargado de abrir o evento. Na conferencia compartirá a súa experiencia liderando un dos proxectos dixitais máis exitosos do noso país e reflexionará sobre os desafíos que afrontan os medios nun panorama de comunicación completamente novo.

Outros nomes destacados serán David Varona (@davarona), redactor xefe de proxecto, participación e social media en RTVE; David Lombao (@davidlombao), director do xornal dixital Praza Pública; Andrés Milleiro (@juanmilleiro), director de Social Media de NH Group; ou Víctor Tasende (@victortasende), deportista, blogueiro e protagonista dunha asombrosa historia de superación.

O cadro de relatores irase ampliando ata completar unha listaxe de preto de 30 nomes, con perfil e traxectoriaque se irá desvelando nos vindeiros días na páxina web oficial (inlugo.com) e as redes sociais do evento, Facebook (facebook.com/CongresoInLugo) e Twitter (twitter.com/in_lugo).

Como xa é tradición, tampouco faltará a presentación de empresas, iniciativas e proxectos relacionados coa rede que se están a levar a cabo na nosa provincia e que triunfan grazas aos medios sociais. Polo Salón de Actos do Pazo de San Marcos pasarán Idoia Cuesta, artesá vasca establecida na provincia que vén de recibir o Premio Nacional de Artesanía; e varios proxectos lucenses máis.

Como peche ao congreso realizarase a tradicional entrega dos Premios INLUGO. Nacidos coa intención de recoñecer o labor e o empeño posto por empresas e proxectos lucenses no ámbito dixital, conta con catro categorías: Comercio, Ocio e Restauración; Educación e Formación; Cultura e Acción Social; e Tecnoloxía.

Todos os interesados en participar nestes Premios deberán presentar as súas candidaturas a partir do xoves, 23 de abril, ata o vindeiro 5 de maio ás 20:00 horas na páxina web inlugo.com. Unha vez finalizado este prazo, un xurado técnico será o encargado de valorar as candidaturas recibidas e elixir o gañador de cada categoría. A cerimonia de entrega dos galardóns celebrarase ás 19:30 horas do 9 de maio. A inscrición será, coma sempre, gratuíta e o prazo arrincará o 21 de abril, a partir das 10:00 horas.

Todos os interesados poderán conseguir a súa entrada en www.inlugo.com ou www.deputacionlugo.gal. O aforo está limitado a 200 persoas, polo que as entradas se formalizarán por rigorosa orde de inscrición. O desenvolvemento destas xornadas tamén poderá ser seguido, ao igual que nas anteriores edicións, a través das redes sociais co hashtag #inlugo15 e en directo, vía streaming, grazas ao traballo dos alumnos da Fundación TIC en www.deputacionlugo.gal

O programa oficial, as presentacións de cada un dos protagonistas e todas as novidades que se vaian dando a coñecer estarán dispoñibles nas webs www.inlugo.com e www.deputacionlugo.org, así como en Twitter (@in_lugo) e en Facebook (https://www.facebook.com/CongresoInLugo).

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com