O candidato do BNG-AA, Rubén Arroxo, e a número dous da candidatura, Maite Ferreiro, visitaron na tarde de onte a sede da asociación ASORLU onde mantiveron unha xuntanza con membros da directiva deste colectivo de persoas xordas de Lugo.
Rubén Arroxo sinalou que “é evidente a necesidade de manter un contacto constante cos colectivos de persoas que teñen capacidades diferentes para afrontar todas esas pequenas cousas que para nos pasan desapercibidas e para elas constitúen auténticas barreiras”. Unha das demandas deste colectivo é a necesidade de contar con locais axeitados.
Arroxo sinalou que “en Lugo hai moitos colectivos que precisan de locais públicos para desenvolver a súa actividade, e o PP permítese ter pechados edificios como o da Residencia e decir agora que non cumpre as condicións”. Rubén Arroxo criticou duramente a actitude do PP tras a declaracións da Conselleira de Sanidade que “unha vez máis arremete contra Lugo onde xa foi declarada persoas non grata, e ampara unha decisión política nos informes técnicos”. Arroxo engadiu que “Castiñeira e a Conselleira parece que nos queren enganar xogando ao poli bon e poli malo pero as decisións son do partido popular”.
O candidato do BNG – Asambleas Abertas, Rubén Arroxo, destacou o funcionamento deste colectivo social que leva 40 anos traballando no concello de Lugo e dixo que “coñecer as realidades dos nosos veciños e veciñas é importante para que Lugo funcione”.
Dende a candidatura do BNG – Asambleas Abertas destacaron que “é necesario contar coa opinión á hora de acometer calquera proxecto municipal xa que comprobamos que as pequenas cousas son as máis importantes no día a día das persoas que teñen algún tipo de limitación”. “Na actualidade existen solucións técnicas para salvar as deficiencias de accesibilidade que aínda ten este concello”, afirmou Arroxo.