O Concello de Lugo adxudicou á empresa Informática El Corte Inglés as obras de modernización do sistema de control de acceso do tráfico rodado ao centro histórico por un importe de 253.745 euros. A adxudicación irá a Xunta de Goberno local do vindeiro mércores.
O novo sistema consistirá na substitución dos bolardos retráctiles actuais por cámaras de lectura das matrículas co fin de axilizar as entradas e saídas dos vehículos no centro histórico e reducir a súa estancia nel, rebaixando, seguindo a aposta da alcaldesa Lara Méndez por un Lugo máis ecolóxico, os niveis de contaminación medioambiental e de emisións de CO2, así como a contaminación acústica e de vibracións. O sistema axudará a protexer o casco histórico e o patrimonio lucense.
As cámaras tamén incorporarán de maneira automática o expediente sancionador de quen incumpre.
A empresa gañadora do contrato foi, segundo a mesa de contratación, a mellor oferta en calidade prezo, ademais de incrementar o prazo de garantía en 36 meses a maiores do mínimo de 24 establecido como obrigatorio.
Os sistemas de control atópanse actualmente en seis zonas: a rúa do Progreso, rúa Luís Peña Novo, rúa Armañá, na Porta de Santiago, na confluencia de Rolda da Muralla coa rúa vilalba e na Praza da Constitución.
Co novo sistema, manterase as mesmas zonas e se incorpora a confluencia de Rolda da Muralla con rúa Vilalba, que será porta de entrada pero tamén de saída, ao igual que en Porta Miñá, que será porta de entrada e saída. Os cambios obrigarán, ademais de á disposición das cámaras, á reordenar o espazo urbano no tramo peonil na Rolda da Muralla comprendido entre as Rúas Vilalba e Bispo Aguirre.
Unha vez que o contrato sexa firme, o prazo para a implantación do sistema será de cinco meses.