O PSOE de Chantada demanda melloras no subministro eléctrico no Polígono dos Acivro

A Agrupación Socialista de Chantada rexistrou dúas mocións, que se debaterán na vindeira sesión plenaria, coas que reclama que, de xeito urxente, orzamente, proxecte e execute as melloras necesarias para o subministro eléctrico no Polígono dos Acivros, así como unha ordenanza sobre transparencia municipal e bo goberno.

Os socialistas de Chantada relatan “que a problemática relacionada co subministro eléctrico que se sofre no Polígono Industrial dos Acivros non é nova nin descoñecida por ninguén. Dende hai anos prodúcense cortes no fluido eléctrico, en ocasións de duración prolongada, o que obriga a moitas empresas a deter a súa producción, pero tamén con microcortes que provocaban reinicios da maquinaria e con posible perda dos produtos que se estaban a elaborar”.

Lembran, ademais, que o Grupo Parlamentario Socialista no Parlamento de Galicia “presentou unha serie de preguntas dirixidas ó Goberno da Xunta na Comisión de Industria interesándose non só pola mellora do subministro, senón tamén polo control da actuación das empresas distribuidoras e a posible apertura de expedientes se non estaban cumprindo a súa obriga. Esta actuación é coherente co marco de competencias das distintas administración, xa que o Estatuto de Autonomía de Galicia encomenda as competencias exclusivas en materia de industria á  Comunidade Autónoma”.

Argumentan tamén dende a agrupación que “o Grupo Parlamentario Socialista presentou unha emenda ó proxecto de Orzamento da Xunta de Galicia para o exercicio 2020, co fin de incluír unha partida que permita que se executen estas melloras, iniciativa que nestes momentos se atopa en trámite parlamentario. Xa que sobre este asunto, hai moitos anuncios, pero ningún compromiso firme”.

A Agrupación Municipal de Chantada tamén defenderá outra moción sobre transparencia e bo goberno municipal. “Unha conciencia social cada vez máis crítica e, á vez, os escándalos de corrupción dos que periódicamente somos coñecedores fan que actualmente a veciñanza demande de forma crecente unhas administracións que proporcionen información sobre a súa actuación, sobre as normas que as regulan e permitan a participación da cidadanía.

Ademáis, as continuas innovacións no campo da informática e a electrónica fan tecnolóxicamente posible que este ideal de transparencia sexa viable e sinxelo para calquera organismo público”.

“No que se refire ao caso do Concello de Chantada podemos concluír sen equivocarnos que no cumprimento destas normas a administración local suspende de xeito clamoroso. O Concello posúe páxina web, sede electrónica e perfil do contratante, mais con deficiencias importantes en todas estas ferramentas. Entrando en detalle, a páxina web, creada hai máis dunha década está aticuada no deseño e na accesibilidade ós contidos. A sede electrónica é un caixón baleiro, onde a información que se da é prácticamente nula, a excepción da información económica e orzamentaria. E o perfil do contratante ten datos anticuados e non se están realizando as publicacións que a LCSP obriga a realizar tanto dos procedementos de contratación como dos contratos menores”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com