Amigos do Camiño crea un percorrido virtual polo Camiño Primitivo

Un dos principais recursos turísticos e patrimoniais da provincia de Lugo, o Camiño Primitivo, conta desde hoxe cun percorrido virtual que permitirá a través de dispositivos móbiles e fixos, a posta en valor dos puntos máis representativos e con maior valor etnolóxico, paisaxístico e cultural desta ruta declarada en 2015 Patrimonio da Humanidade.

A iniciativa promovida a instancias da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago da Provincia de Lugo, e creada polas empresas A3 Proyectos e Sogos Consulting, conta co apoio do programa O teu Xacobeo, que a Xunta de Galicia puxo en marcha para impulsar distintas iniciativas de promoción das rutas xacobeas.

A presentación do novo percorrido en realidade virtual correu a cargo do presidente da asociación lucense de Amigos do Camiño, Ángel Trabada e do delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, que coincidiron na importancia de impulsar este tipo de iniciativas que ofrecen aos peregrinos novos servizos, información e asesoramento sobre o Camiño Primitivo.

Balseiro, que gabou a iniciativa do colectivo lucense de Amigos do Camiño, cualificou como “un gran acerto” o feito de apostar pola tecnoloxía “para amosar aos futuros visitantes as marabillas que alberga o Camiño Primitivo, ofrecendo información dun xeito interactivo e dinámico”. Dixo tamén que o percorrido virtual “servirá como estímulo” para que novos visitantes “descubran e visiten o Camiño Primitivo, mellorando de forma directa a economía das localidades que forman parte do itinerario”.

Pola súa banda, o presidente da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago da Provincia de Lugo, Ángel Trabada subliñou que “a posta en marcha deste tipo de iniciativas veñen a ratificar unha vez máis o noso compromiso coa promoción e a divulgación das rutas xacobeas da provincia, un compromiso que está no ADN da nosa entidade dende a súa fundación en 1987″. Nesa liña, afondou en que “é certo que os tempos foron mudando e as demandas de consumo de información tamén, polo que non podemos ser alleos a iso, de xeito que tamén estamos a impulsar a incorporación das novas tecnoloxías á difusión nacional e internacional que levamos a cabo dende a nosa asociación”.

Ángel Trabada sinalou, así mesmo, que a incorporación do percorrido virtual polo Camiño Primitivo á web da asociación é “unha primeira etapa” dun traballo que a Asociación pretende completar “a medio prazo” co resto de rutas oficiais da provincia. Por último, o presidente da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago da Provincia de Lugo tamén agradeceu á Xunta de Galicia a súa “vontade decidida de  colaboración” co impulso deste tipo de proxectos, “que son un exemplo na medida en que permiten a implicación e a procura de sinerxías entre todos os axentes involucrados na promoción das rutas xacobeas, como son a propia Administración, o tecido asociativo e tamén a empresa privada”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com