O deputado provincial popular, José Pardo Lombao, criticou a “ineptitude negociadora” do Partido Socialista para garantir o mantemento da PAC no período 2020-204. Fíxoo no marco da moción presentada polo PSOE, para reclamar as axudas agroambientais, do clima e a agricultura ecolóxica ás explotacións gandeiras, engadindo que “quen prexudicou ao campo foi o Partido Socialista coas negociacións en Europa, sobre todo, da PAC”.
O popular fixo esta afirmación cuestionando que os socialistas se dirixan á Xunta de Galicia, cando entre esta e a UE existe a administración do Estado, que é quen se encarga de negociar estes fondos, mentres que a autonómica só os xestiona e os reparte.
“Os que están creando alarma son vostedes. Non nos din se imos estar sen PAC tres ou catro anos. Isto é o que nos preocupa e preocupa aos campos de Galicia e que derivará na España vacía. O Goberno é o que ten a obriga de negociar a PAC. Veñen vendernos unha moción para ver se cola e desviar a ineptitude do Goberno Central á hora de negociar ou aportar os fondos, co fin de que os cidadáns pensen que a culpa é da Xunta de Galicia”, concluíu.
O deputado lamentou que, logo de escoitar ao PSOE, non se esclarecese se se vai interromper a PAC dende 2020 a 2024. “Pola contra, o Goberno galego prorrogará todas axudas medioambientais e está moi por diante doutras Comunidades na execución do Plan de Desenvolvemento Rural (PDR)”. Pardo Lombao explicou que Galicia ten executado o 45% destas axudas, mentras Andalucía, por exemplo, que ten moitas semellanzas coa comunidade galega, tan só o 25%. O Executivo de Feijóo, remarcou, “executará os 700 millóns incluídos no PDR”.
Por este motivo, a pesares de sair aprobada esta moción, e “tendo en conta que as achegas da Xunta de Galicia están garantidas”, os populares votaron en contra. E é que incluso a deputada do Bloque Nacionalista Galego recoñeceu na súa intervención que os datos da moción do PSOE “están obsoletos”.