O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, lembrou hoxe que a Xunta de Galicia “xa adquirira antes do 2005 medio cento de inmobles para rehabilitar na Tinería”, e reivindicou que o impulso inicial a este gran proxecto data do ano 2001.
En resposta ás afirmacións do concelleiro de Urbanismo sobre os niveis de investimento da época do bipartito, o delegado puntualizou que no período 2001-2005, co PP no Goberno, “adquiríronse 52 inmobles, e redactáronse os proxectos técnicos e licitáronse 15 obras”. E de novo entre agosto do 2005 e maio do 2009, lembra o delegado, a Xunta adquiriu cinco novos edificios e licitou 20 unidades de intervención.
Dende entón, “e pese aos axustes orzamentarios aos que durante anos obrigou a crise económica, a Xunta avanzou nos proxectos de acondicionamento do barrio, e a día de hoxe continuamos co mesmo nivel de compromiso”.
A maiores, Balseiro aclarou que durante os gobernos do PP na Xunta de Galicia o investimento ascendeu a 16,2 millóns de euros, mentres que durante o bipartito foi de 10,6 millóns de euros, coa vantaxe de que no período anterior xa se tiña feito o traballo duro, tanto na adquisición de inmobles como na realización dos proxectos construtivos.
“Polo tanto estes datos desmenten a información que deu o concelleiro, que quizais por ser novo non se enterou disto e fala sen información”. Tamén apuntou que “todo o diñeiro investido na rehabilitación da Tinería procedeu de fondos autonómicos, mentres que o concello polo momento non achegou nin un euro”.
O delegado territorial afirmou, asemade, que neste momento están xa rematadas as obras de rehabilitación de dous inmobles (en Tinería 30 e Recanto do Miño 11-13), e seguen en execución outras dúas -Tinería 15 e Recanto do Miño 17-, traballos nos que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda está a investir 1.141.000 euros.
Tamén indicou que o Goberno galego convocou o pasado ano por primeira vez o programa Rexurbe, para adquirir edificios no casco histórico co obxectivo de rehabilitalos. En Lugo comprou os únicos tres inmobles ofertados que cumprían os requisitos básicos: a localización e a acreditación da propiedade por parte dos ofertantes. Xa están encargados os proxectos de rehabilitación dos tres edificios, que suporán un investimento total de 780.000 euros.
Igualmente, a Consellería encargou a redacción do proxecto de rehabilitación do Pazo de Dona Urraca, coa previsión de licitar as obras no vindeiro ano e coa intención de impulsar o desenvolvemento de todo o ámbito de actuación urbanística no que se encadra.
O delegado enmarcou neste contexto a proposta da Xunta ao Concello de Lugo para intentar ampliar a área de rehabilitación nesta zona, que responde “á aposta por lograr a recuperación integral do barrio”.
Balseiro valorou o principio de acordo alcanzado co Concello de Lugo. Lembrou o precedente dos nove locais comerciais que a Xunta alugou á institución local o pasado ano para promover a posta en marcha de distintos negocios, e concluíu que a colaboración entre ambas administracións resulta fundamental “para dinamizar A Tinería e conseguir a súa recuperación non só urbanística, senón tamén económica e social”.