O colectivo de pensionistas e xubilados da CIG denunciou esta mañá que as pensións galegas son as segundas máis baixas do Estado ademáis de que as mulleres son as máis prexudicadas. De feito, segundo indican dende o colectivo, un de cada dez pensionistas galegos cobra menos de 415,43 euros ao mes.
O sindicato alerta de que, porén, “agora temos outra vez enriba a ameaza dunha suba miserable das pensións de só o 0,25 e non co IPC”. Por iso esixe a fixación, por lei, da pensión mínima igual ao Soldo Mínimo Interprofesional e a súa revalorización co IPC.
Por esta razón, a CIG convoca para mañá, 29 de novembro, distintas mobilizacións para esixir medidas que garantan un Sistema Público de Pensións. Na cidade de Lugo, a concentración terá lugar dende as 19.00 horas e sairá da Praza Maior, diante da Casa Consistorial.
O colectivo de xubilados e pensionistas da CIG esixe ademais a derrogación das reformas de 2011 e 2013 para que se garanta o futuro para as pensións. Xunto a iso reclaman emprego estábel e digno –para o que é preciso derrogar tamén as reformas laborais- para así garantir tamén a viabilidade das pensións. Cuestións ambas para as que aseguran que só fai falta vontade política.