CCOO e UGT levan á Inspección irregularidades no servizo de ambulancias da área de Lugo

CCOO e UGT denunciaron na Inspección de Traballo diversas irregularidades no servizo de ambulancias da área sanitaria de Lugo. Segundo o sector de Estradas e Loxística do sindicato, a situación empeorou tras o cambio de entidade concesionaria. Ata hai poucas semanas, a concesión recaía en Ambulancias Rubiero-Xirón. O pasado 16 de outubro licitouse a nova concesión, que asume a UTE Servicios Sanitarios de Monforte y Otros (Servicios Sanitarios de Monforte, Sanitaria Lucense de Transportes e Ambulancias Luis Iglesias Carreira).

Segundo explican desde os sindicatos, xa hai anos que se viñan denunciando diversas carencias e irregularidades nas empresas relacionadas co transporte terrestre de persoas enfermas en Galicia, que desembocaron nun conflito en marzo deste ano, cunha folga seguida masivamente polo persoal. Para desconvocala, o Sergas aumentou a dotación orzamentaria das futuras licitacións, co obxectivo de mellorar as condicións laborais e a calidade do servizo.

Con todo, no pouco tempo que leva ao cargo do servizo, esta UTE acumula xa varias denuncias na Inspección, entre as que destacan o atraso nos pagamentos, eivas canto ás medidas hixiénicas no posto de traballo ou falta de uniformes e lavandaría.

CCOO e UGT critican a “desidia” da UTE e a “falta de control” por parte da Administración, porque a “precariedade material” dificulta realizar o traballo “de xeito eficiente”, malia que o acordo co Segas incluíu un aumento superior aos cen mil euros anuais por ambulancia.

O sindicato esixe que a Administración “tome cartas axiña”, xa que esta precariedade, especialmente no relativo á hixiene, “incumpre a lexislación vixente, incumpre os pregos de contratación do servizo e representa un risco sanitario”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com