A agrupación de Esquerda Unida vén de remitir unha misiva aos medios coa que pretenden facer chegar o seu apoio ao ex edil Carlos Portomeñe, que se enfronta a un xuízo pola querela presentada polo ex alcalde socialista Xosé López Orozco.
Na carta da formación política repásase a cronoloxía que levou a Portomeñe a denunciar ao ex rexedor de Lugo e, tamén, a Orozco a presentar unha querela contra Portomeñe.
Foi en 2009 cando Carlos Portomeñe denunciaba ante a Fiscalía o “pelotazo urbanístico” que se pretendía levar a cabo nos terreos contiguos ao Campo de Golf da cidade. Un lugar onde se tiñan recalificado máis de 500.000 metros cadrados de solo rústico de especial protección agroforestal e agropecuaria como solo urbanizable. Un feito que hoxe en día é parte dunha causa aberta sobre corrupción urbanística relacionada co PXOM no Xulgado de Instrución Nº2 da cidade de Lugo.
A finais de 2015 o grupo municipal ACE-EU, do que Carlos Portomeñe era voceiro, destapou, que efectivamente o devandito PXOM se tramitara de xeito fraudulento durante os sucesivos mandatos de López Orozco, baixo a dirección do cal tamén tiveron lugar tanto a recalificación da contorna do Club de Golf como a autorización da construción das Torres do Garañón, “o maior atentado urbanístico da historia de Lugo, polo que están imputados o mesmo Orozco e o ex concelleiro de Urbanismo Gómez Besteiro”.
Un ano despois, en 2016, Portomeñe era chamado a declarar como testemuña no procedemento de instrución das recalificacións dando a coñecer á xuíza as infraccións urbanísticas que se cometeran e as relacións de parentesco entre a edil de Urbanismo naquel momento e a empresa promotora da operación do Campo de Golf.
A este respecto, o ex alcalde López Orozco, tamén en 2016, interpoñía unha querela por “inxurias e calumnias” contra Portomeñe, un feito que dende a agrupación de EU consideraron sempre “unha clara manobra de intimidación e un descarado intento de frear a súa persistente labor de denuncia da especulación inmobiliaria e da corrupción urbanística”. A Fiscalía e diferentes xuízas interesaban o arquivo de dita querela pero a Audiencia Provincial ordenou a apertura de xuízo oral contra o ex concelleiro de ACE-EU.
“Faise evidente que se está a levar a cabo unha persecución contra Portomeñe, ao que Orozco lle reclama 60.000 euros simplemente por cumprir co seu deber ético e legal de denunciar publicamente as irregularidades na ordenación urbanística de Lugo”, denuncia a formación política que sinalan a “persistencia” de Orozco por buscar unha condena contra Portomeñe o que, segundo aseguran “evidencia a desesperación de quen se sabe cun pé no banquiño dos acusados”. A instrucción do Caso Garañón xa está rematada e todo apunta a que Orozco poderá ser formalmente acusado con posibilidade dunha pena de cárcere por un grave delito contra o territorio.
As representantes de Esquerda Unida están habituadas ás imputacións por inxurias e calumnias, xa que “semella o mecanismo habitual dos corruptos para amedrentar ás persoas denunciantes de corrupción”. O Código Ético da formación, lembran, obriga no seu punto séptimo a “Denunciar ante a Fiscalía e colaborar coa Xustiza aportando calquera dato de corrupción que coñezan no exercicio das súas responsabilidades como cargos públicos” e no seu punto oito a “Asumir ou esixir as responsabilidades políticas en casos de corrupción, con dimisión cautelar dos cargos públicos e cargos de libre designación en caso de imputación e procesamento por delitos de corrupción política ou urbanística“.
“Carlos Portomeñe –aseguran- limitouse en todo momento a cumprir a literalidade do compromiso ético da súa organización política, así como os deberes que o obrigaban como cargo público. Non deixa de resultar paradóxico que se castigue a quen desempeña a súa labor pública de xeito honrado mentres que ao ex alcalde Orozco, con varias imputacións por corrupción, se lle acabe de premiar coa Medalla de Ouro da cidade de Lugo”.