A candidatura da Xunta para que a Ribeira Sacra e as serras do Oribio e Courel se convertan na sétima reserva da biosfera de Galicia deu hoxe un paso máis e decisivo de cara á súa aprobación ao someterse á consideración do Comité de Coordinación da Rede de Reservas da Biosfera de Galicia. Así o subliñou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, quen participou esta mañá na sesión constitutiva deste órgano, creado e regulado por decreto a comezos de 2019 e co que se busca fomentar o traballo en rede das reservas da biosfera existentes en Galicia co fin de coordinar e mellorar o seu funcionamento.
Tras recibir o visto e prace do Comité, a Xunta está xa en disposición de presentar o documento técnico que avala a candidatura ante a Secretaría do Comité español do Programa MAB (Home e Biosfera) da Unesco, que será a encargada de continuar coa súa tramitación. Deste xeito, cómprese co calendario previsto xa que o pasado 24 de setembro, a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, trasladoulle aos membros do Comité español do Programa MAB, órgano de carácter consultivo, que antes de que rematara o ano se presentaría oficialmente a candidatura da Ribeira Sacra.
Para a Xunta, tal e como subliñou a conselleira, trátase dunha proposta seria e rigorosa, que vén avalada por un gran consenso por parte dos distintos axentes implicados e que aglutina a un total de 23 concellos de Lugo e de Ourense cun alto valor paisaxístico e cultural en común, unidos pola súa aposta por un desenvolvemento sustentable baseado nas prácticas tradicionais.
Así, incidiu en que o territorio conformado pola Ribeira Sacra e as serras do Oribio e Courel abrangue espazos Rede Natura 2000 tan importantes como o ZEC Os Ancares-O Courel, o ZEC Río Cabe, ZEC Monte Faro, o ZEC Pena Veidosa, ou o ZEC Canon do Sil, o Enil Río Loio-Ruxidoira e o Monumento Natural Campodoia-Leixazós.
“Unha reserva da biosfera é o mellor exemplo de compatibilizar o desenvolvemento sostible, un territorio no que a protección da natureza é acorde co seu desenvolvemento económico”, resaltou Vázquez, que precisamente por isto fixo fincapé en que esta declaración non implicará prohibicións ou limitacións senón, pola contra, suporá unha extraordinaria oportunidade para todos os concellos que a integran e, por suposto, para os seus habitantes.